Menu Xerais

Entrega dos premios Losada Diéguez 2018 a Xosé Benito Reza e Xosé Luís Axeitos. Anotación de Manuel Bragado en «Brétemas»

Manuel Bragado publicou en Brétemas unha anotación sobre a entrega da XXXIII edición dos premios Losada Diéguez no pazo de Moldes (Boborás). Os galardoados deste ano foron, na categoría de creación literaria, Xosé Benito Reza, por Terradentro; e na categoría de investigación e ensaio, Xosé Luís Axeitos Agrelo, por Manuel Antonio. Unha vida en rebeldía. Ambas as obras foron publicadas por Xerais durante o ano 2017.

Entrega dos premios a Xosé Benito Reza (esquerda) e Xosé Luís Axeitos (dereita). Imaxes: Manuel Bragado

Con Xosé Luís Axeitos e Xosé Benito Reza en Boborás

Acompañei onte a Xosé Luís Axeitos e a Xosé Benito Reza, gañadores do Premio Losada Diéguez 2018, nas modalidades de investigación e creación literaria, na cerimonia de entrega dos seus galardóns celebrada no Pazo de Moldes de Boborás. Un acto literario conducido con extraordinaria elegancia e sabedoría polo escritor Roberto Pascual na que tamén se lembrou a figura de Antón Losada Diéguez, nesta oportunidade como autor teatral. Xosé Luís Axeitos, autor de Manuel Antonio. Unha vida en rebeldía, agradeceu o premio, lembrou a figura de Manuel Antonio para reivindicar o papel dos intelectuais e rematou lendo un texto de X.L. Méndez Ferrín, presente no acto con outros membros da Real Academia Galega, Francisco Fernández Rei, Eulogio Ruibal e X.L. Regueira. Pola súa banda, Xosé Benito Reza, autor de Terradentro, novela coa que debutaba na narrativa galega, agradeceu o inesperado do premio e reivindicou nun discurso memorable e emocionante unha nova política sobre o territorio e sobre a paisaxe, capaz de evitar o devalo demográfico e a desertización na provincia de Ourense. Unha excelente cerimonia para unha das citas anuais por nós máis queridas do calendario literario galego, referente nos premios para obra editada.

Manuel Bragado

Comentarios pechados