Menu Xerais

Iria Misa: «A lectura debe deixar un pouso, algo sobre o que reflexionar, cando rematas o libro»

O blog Palabra de Gatsby publicou unha entrevista de David González Domínguez á escritora Iria Misa sobre a súa nova novela Segredos no Solpor.

 

Iria Misa: «Creo que a lectura dunha historia debe deixar un pouso, algo no que reflexionar cando rematas e a pechas o libro»

Iria Misa Peralba (Gondomar, 1983) é licenciada en Filoloxía Inglesa pola Universidade de Vigo e profesora de ensino secundario. Como narradora publicou na colección Fóra de Xogo as novelas “Xa non estou aquí” (Xerais, 2016), Premio Jules de Verne de Literatura Xuvenil 2016, e “Segredos no Solpor” (Xerais, 2018).

— Cal é o xerme de Segredos no Solpor (Xerais, 2018)?
O xerme de Segredos no Solpor é un soño que tiven un verán hai anos. A min pásame que durante os meses de vacacións adoito soñar moito máis, e teño soños moi vívidos, supoño que porque descanso mellor. Ando con menos cousas na cabeza e a mente desconecta a outro nivel. Case todas as historias que escribo comézoas en verán.  Nesa ocasión soñei que había un atropelo diante dun hotel, e nese soño había un grupo de rapaces que estaban relacionados co que viña de pasar, aínda que eu non sabía como. Esa idea variou bastante do que finalmente acabou na novela, pero así é como naceu. Comigo facendo un esforzo titánico por despegar un ollo e coller a libreta que sempre gardo na mesa de noite para este tipo de cousas. Cando teño soños deste estilo, deses que sentes con moita intensidade, sempre o fago. Obrígome, aínda que me apeteza seguir durmindo, porque senón cando esperto xa non me lembro e iso frústrame moito.

—Curiosamente esta novela foi tamén finalista do premio Jules Verne no mesmo ano que gañou a súa primeira novela Xa non estou aquí (Xerais, 2016)…
Curiosamente, si. E sei dalgún membro do xurado que me comentou que lle gustara moito, como este que agora me entrevista (risas). Imaxina a miña sorpresa. Non daba crédito. O día que se fixeron públicos os finalistas lembro que fun a un concerto no García Barbón en Vigo e o único que alí fixen foi quentar a cadeira. Logo dun tempo, con Xa non estou aquí publicada, falei cun par de persoas que estiveron nese xurado e souben que non tiñan nin idea de que as dúas obras eran da mesma persoa. Iso para min foi unha nova moi boa. Así que estou feliz de poder dicir que estas dúas primeiras novelas miñas me deron moitas alegrías.
—Pese que a temática nas dúas novelas é diferente vemos que o foco sempre está situado na perspectiva dos adolescentes sobre distintas problemáticas. Por que ese interese nos adolescentes e no seu mundo?
Un dos principais motivos é  por suposto o feito de que o meu traballo de desenrola nese eido. Éme inevitable observar á rapazada e non discorrer sobre certas cousas. Ás veces quero matar xente e outras prodúcenme moita tenrura. Son uns anos na vida das persoas que nunca deixan de fascinarme. Para min a adolescencia é esa época na que todo está aínda por encetar. Imaxina, como se a vida fose una caixa de bombóns e ás veces colles un que está boísimo e outras escolles mal e che toca un deses de coco que sabe a raios. Xa o dicía Forest Gump, o da vida e a caixa de bombóns… A parte diso, ás veces penso que ten algo que ver con facerme adulta. Como se non fose realmente ata que deixei esa etapa atrás que fun capaz de sentar e poñerme a escribir sobre ela, unha vez que xa todo pasou e esas vivencias non se volveron repetir. Chegaron outras, claro que si, pero poucas cousas se viven tan intensamente como cando somos adolescentes. Durante eses anos non hai problema pequeno e paréceme positivo que  a ficción dirixida a eles reflicta as súas inquedanzas . Gústame crer que poidan atopar acubillo nos libros. Iso vai facer que lles collan aprecio, e que ler se converta en necesario nas súas vidas.
—Nesta novela dase visibilidade a temas tan desgrazadamente actuais como a homofobia ou o maltrato. Pensa que a novela é un eido importante dende o que promover o cambio social?
Creo que no mundo no que vivimos agora mesmo todos os eidos dispoñibles son vías útiles e necesarias para promover o cambio social, e aínda así non chega.  Un dos temas que abordo nesta novela é o da violencia de xénero. Calquera cousa que poidamos facer para erradicala é pouca. Temos que concienciar ás xeracións máis novas para que o problema non se siga perpetuando, paréceme algo moi urxente. Ademais, a novela como xénero ten un marcado carácter social desde o mesmo comezo da súa existencia e en cada época tratáronse –e retratáronse- por medio desta as problemáticas do seu tempo. A homofobia e a violencia de xénero son lacras da nosa sociedade contemporánea.  Por outra banda, tamén creo que a lectura dunha historia debe deixar un pouso, algo no que reflexionar cando rematas e a pechas o libro ou quizais algunha idea que nos ha servir para entender mellor mundo no que vivimos ou comprendernos un chico a nós mesmas e aos demais.   
—Este libro pese a todo o seu contido de crítica social é unha novela con moita intriga e misterio. Cal é o segredo para combinar con éxito estes dous aspectos nun mesmo produto?
Non sei se hai un segredo. A min gústame que haxa un fío que vaia tirando da persoa que está do outro lado da páxina, xa que é algo que como lectora valoro. Gústanme eses libros que, cando os les, estás desexando que sexa hora de ir para cama para ler outro pouco, ás veces ata roubándolle horas ao sono. Se a historia che vai proporcionando un pouco de aquí e outro pouco de alá iso obrígache a ir pensando e discorrendo distintas opcións, e iso gústame. Tamén recoñezo que nestes dous casos en concreto que haxa un elemento de misterio ten coma fin intentar enganchar á rapazada á lectura, igual ca o feito de que ao longo das historias atopemos moitas escenas e situacións típicas das súas experiencias, relacionadas con aquilo que a eles lles poida preocupar ou interesar.

—Respecto a propia ambientación da novela. Bico ou O Solpor teñen algún referente real?
Non vou negar o obvio. Bico, o lugar onde transcorre a historia, é unha mestura entre Baiona e Sabarís, a miña vila. Algunha xente que me coñece e xa leu o libro comentoume que o vían, que nas páxinas atopaban isto ou aquilo. Como xa expliquei antes, esta historia naceu nun verán. Eu no verán baixo a praia en bici, quedo cos amigos, paseo polas vilas do Val Miñor…vou de aquí para alá gozando da marabilla de lugar onde vivo. E cando era máis nova, esta época era aínda mellor: todos os días había algo que facer, algunha festa á que ir…. -ao fío do que me preguntabas antes, para min que o que me leva a escribir sobre a adolescencia ten algo que ver, en parte, con certa melancolía-. A historia que narro no Solpor fala de todo iso, e traspasou as páxinas de tal xeito que acabei vendo a historia desenrolarse ante os meus ollos en certos lugares da contorna.  Aínda agora, cando paso polo terreo onde para min está o hotel Solpor, non podo evitar sorrir un chisco. Non hai hotel ningún, de feito a parcela está baleira.

—Para rematar, que espera tras a publicación desta segunda novela?
As dúas primeiras novelas que escribín xa existen en papel. Para min iso xa é moito. O que agardo agora que o Solpor xa está na rúa e poder compartir coa rapazada conversas tan interesantes coma as que tiven en relación a Xa non estou aquí.  Foi a parte de publicar unha novela xuvenil que máis me reportou. Os días en que teño charlas son unha alegría, sempre aprendo algo e volvo para casa cargada de enerxía. Iso é o que espero, máis xornadas coma esas grazas a Segredos no Solpor.

David González Domínguez

Deixa un comentario!