Menu Xerais

Obra roaldhaliana ata a medula, narrada cunha linguaxe vivaz, lixeira e desenfadada: «A señorita Bubble», de Ledicia Costas. Crítica de Carmen Bar Cendón

A web de GALIX publicou unha recensión de Carmen Bar Cendón sobre a novela A señorita Bubble, de Ledicia Costas, ilustrada por Andrés Meixide.

 

A señorita Bubble

Nunha vila calquera dun país calquera, dúas nenas, unha de 9 anos, Noa,  e a súa irmá de 6, Sofi, van a cotío a unha escola onde  as persoas que se supón que están alí para formalas con agarimo e ensinarlles a vivir neste mundo creándolles incentivos para, unha vez coñecido, tenten transformalo nun lugar atractivo e máis habitable, son en realidade unas bruxas rosmonas e desagradables que só semellan odiar aos nenos e nenas e que, moi lonxe de querer facerlles amar a lectura, como sería o propio dunha bibliotecaria ( e aquí debo confesar o meu desgusto,  por ter sido unha bibliotecaria que realmente AMABA  a súa profesión), semella que o único que pretenden é que as nenas e nenos refuguen xa non só dela, senón tamén desa deprimente escola que os “non acolle” no seu día a día…

Mais un día as pequenas deciden fuxir desa escola abafante e será daquela cando o feliz encontro coa señorita Bubble cambiará por completo xa non só as súas vidas, senón tamén ás dos habitantes (nai e pai incluídos) do pobo onde viven.Miss Bubble, a quen todos na vila chaman  a bruxa comenenos, é en realidade unha dama inglesa de idade indefinida e aspecto estrafalario, enxeñosa, divertida, amable e cariñosa pero, por riba de todo, unha grande inventora ; os seus trebellos, prácticos e alucinantes van facer as delicias das dúas pequenas…

Obra roaldhaliana ata a medula, está narrada cunha linguaxe vivaz, lixeira e desenfadada, dende a perspectiva dunha nena, pero que podería ser tamén a dun neno, coas idades das dúas protagonistas.

Os mundos dos adultos e dos nenos, que transcorren en paralelo, non semellan chegar a cruzarse nunca.

Sen utilizar en absoluto o didactismo, Ledicia (nome que, por certo, acáelle moi ben ó ton dos seus libros) está, sen embargo, dicíndonos que, de cando en vez, as adultas e adultos deberíamos abaixarnos e tentar contemplar o mundo dende a perspectiva daqueles. Moi diferentes haberían de ser as cousas daquela.

O libro encantoume, lese dun tirón e é de agradecer ese final agridoce que nos deixa cun sorriso nos beizos.

Fantásticas as ilustracións de Andrés Meixide. Axústanse perfectamente ás descricións da autora

Carmen Bar Cendón

 

 

 

Deixa un comentario!