Menu Xerais

Os irmáns Villar Ponte: o tándem que fixo espertar a cultura galega

O xornal La Voz de Galicia publicou unha reportaxe de Lucía Rei sobre o libro Común temos a patria. Biografía dos irmán Villar Ponte de Emilio Xosé Ínsua e Xurxo Martínez.

 

Os irmáns Villar Ponte: o tándem que fixo espertar a cultura galega

Emilio Ínsua e Xurxo Martínez publican una biografía conxunta

Hai pouco máis dun século, o galego era considerada a lingua dos pobres, e estaba totalmente marxinado na escola, na universidade ou nos actos da Igrexa, por non falar da política.Desa situación de discriminación foron plenamente conscientes dous irmáns nacidos en Viveiro, Antón (1881-1936) e Ramón Villar Ponte (1890-1953), que durante dúas décadas formaron o tándem perfecto que fixo espertar a cultura galega dunha vez por todas. En torno á relevancia e á transcendencia das figuras que impulsaron a creación das Irmandades da Fala no 1916, xira Común temos a patria. Biografía dos irmáns Villar Ponte, escrita por Emilio Xosé Ínsua López e Xurxo Martínez González, e que vén de publicar Xerais. «Desde que eran moi novos, ata que a morte levou a Antón en marzo do 36, pouco despois de ser elixido deputado da Segunda República pola Fronte Popular [morreu antes de tomar posesión], a sintonía entre os dous irmáns foi moi profunda, tanto no persoal, xa que se tiñan un afecto enorme que viña condicionado pola tráxica historia da súa familia, como no ideolóxico e no activismo», sostén Ínsua, que é doutor en Filoloxía Galega e profesor no IES A Basella, de Vilanova de Arousa.

Antón e Ramón foron quen de «saír á busca» doutras persoas que sentisen o mesmo: xornalistas, pintores, músicos… Homes e mulleres «valiosos e con moito talento» coa percepción de que o remedio aos problemas de Galicia pasaba por «unha solución global que identificaron coa ideoloxía nacionalista». «Prodúcese -apunta Ínsua- un salto cualitativo extraordinario, e por primeira vez na historia de Galicia, pese aos desacordos e discrepancias sobre cal era o mellor camiño a seguir, que tamén os houbo, calla unha asociación, un cerebro colectivo para planificar actividades en favor da lingua e da cultura galegas». A partir deles prodúcese unha eclosión de iniciativas editoriais, periódicos, revistas, grupos de teatro, formacións políticas…

Para elaborar un relato tan complexo e pormenorizado, Ínsua e Martínez utilizaron cantidade de material hemerográfico e fotográfico, artigos, cartas, libros e demais conservados nas bibliotecas da Real Academia Galega, a Fundación Penzol de Vigo e o Parlamento de Galicia. «E tanto Xurxo coma min tivemos a sorte e o privilexio de poder tratar nos últimos anos da súa vida a Teresiña, a filla de Ramón, que é fundamental na conservación dese legado. Foi unha muller sempre entusiasta e entregada á causa de dar a coñecer e facilitar o acceso a todo o que tiña ver co seu pai e o seu tío, polos que sentía devoción», conclúe.

Ramón é o gran descoñecido, pero foi igual de relevante que Antón

«O feito de abordar a biografía dos dous irmáns á vez é para intentar reparar o esquecemento, esa especie de marxinación que sufriu Ramón, posto que a figura de Antón está moito máis presente, e penso que a figura dos dous é igual de relevante no panorama do tempo histórico que lles tocou vivir», explica Emilio Ínsua, que tamén é orixinario de Viveiro, igual que os Villar Ponte. Tras quedar orfos de nai moi novos e perder a tres irmáns vítimas da tise, Antón e Ramón quedaron ao cargo de dúas tías, Celia e Clementina, e do seu pai, Ponciano Villar, que regresara de Cuba convertido «nunha especie de indiano rico»; o que lle permitiu á familia vivir de rendas «mentres puido». Iso fixo posible que Antón estudase Farmacia en Compostela e Ramón, Filosofía e Letras en Madrid. Máis tarde, Antón sempre viviu do xornalismo, publicando milleiros de artigos en cabeceiras como La Voz de GaliciaEl Sol ou El Pueblo Gallego, e revistas de Arxentina ou Cuba. Mentres, Ramón nunca tivo un traballo como tal, polo que puido dedicarse a ler e estudar. «Niso dan un perfil un tanto diferente. Antón é máis un pulsador do día a día, da actualidade, un home que non ten tempo para reflexionar en pausado, pero cunha enorme capacidade para ler as tendencias ou o que se ha de facer. Ramón é máis intelectual, máis erudito, de pensamento máis profundo, pero con menor transcendencia para o público en xeral», explica Ínsua.

Lucía Rei

Deixa un comentario!