Menu Xerais

Os Villar Ponte e Mondoñedo: «Común temos a patria. Biografía dos irmáns Villar Ponte», de Emilio Xosé Ínsua López e Xurxo Martínez González

O escritor Antonio Reigosa publicou no seu blog un artigo sobre o libro Común temos a patria. Biografía dos irmán Villar Ponte de Emilio Xosé Ínsua e Xurxo Martínez.

 

Os Villar Ponte e Mondoñedo

Emilio Xosé Ínsua e Xurxo Martínez González andan estes días pola Mariña coa primicia do seu “Común temos a patria. Biografía dos irmáns Villar Ponte” (Xerais, 2018). EscolleronMondoñedo como praza de saída para a presentación pública (o acto tivo lugar no Pazo dos Santomé o 6 de abril) desta nova obra, entre outras razóns polo vínculo que o maior dos irmáns, Antón, tivo a comezos do s. XX coa cidade e cun personaxe inesquecible chamado Manuel Leiras Pulpeiro. Antón, daquela un mozo cun fervedoiro de ideas revolucionarias na cabeza, escribiu máis adiante palabras moi fermosas sobre Leiras, participou na homenaxe que se lle rendeu en 1921, foi o artífice da edición do volume ‘Poesías’, obra publicada en 1930, e dixo del que tiña un “corazón de ouro tan grande como a Paula”.

Os autores, ambos filólogos e investigadores cunha longa traxectoria, degrañan nesta obra centos de xornais, revistas, discursos e publicacións de todo tipo para reconstruír e contar con amenidade e profundidade as biografías paralelas e complementarías dos irmáns Antón e Ramón Villar Ponte. Ambos personaxes foron clave nesa travesía histórica que nace coa creación das Irmandades da Fala en 1916 e que culmina co golpe de 1936. É sabido que aquela semente, latente 40 anos, rexurdiu despois da ditadura e deu os froitos políticos e lingüísticos que hoxe gozamos.

Os irmáns Villar Ponte nacidos en Viveiro en 1881 e 1890 eran netos por parte de nai da mindoniense Antonia Peña Menéndez. Nos seus anos mozos o mindoniense de Viloalle, José Manuel Barro González, gran emprendedor, subministrou a primeira luz eléctrica a Viveiro e poñía a andar ‘Barro e Cía.”, xermolo da gran industria automobilística de Chavín. Antón representou ao Comité Republicano de Mondoñedo na asemblea constituínte de Unión Republicana celebrada en Madrid en 1903. Tamén reivindicou a Pascual Veiga, participou nas peticións de traslado dos seus restos de Madrid a Mondoñedo (o que aconteceu en 1912) e na de oficializar o que hoxe, con letra de Pondal e música de Veiga, é Himno Galego oficial. Mesmo propuxo, idea nunca realizada, a creación duns premios co nome do músico que deberían financiar as catro deputacións.

Cando Antón exercía como boticario en Foz coincidiu co mestre e poeta Antonio Noriega Varela (mindoniense que acabaría residindo en Viveiro, onde faleceu en 1947) e con Camilo Cela, pai de Camilo José. Os tres botaron a andar unha revista satírica denominada Guau guau. Foi de breve vida pero intensa, de humor incisivo e intelixente que apuntaba contra a ‘caspa’ política e relixiosa da época.

Mais, á marxe de Leiras, a figura que concentrou as atencións de ambos irmáns por razóns históricas e simbólicas foi a de Pardo de Cela. A súa decapitación diante da catedral de Mondoñedo o 17 de decembro (data en revisión) de 1483 fixo que Antón propuxese como Día da Patria na asemblea das Irmandades de Santiago en 1919, a do 17 de decembro. Non trunfou a súa proposta senón, como é sabido, a do 25 de xullo. Pouco despois, como tamén é coñecido, escribiu con Ramón Cabanillas ‘O Mariscal’, obra coa que pretendían dignificar a memoria do mártir e esquecer as ‘gallegadas’ que se representaban naquel entón.

Antonio Reigosa

Deixa un comentario!