Menu Xerais

Pedro Feijoo: «Vigo está chea de pistas para coñecer a súa identidade»

O xornal La Voz de Galicia publicou unha entrevista ao escritor Pedro Feijoo sobre o seu libro Camiñar o Vigo vello. Un paseo pola historia da cidade

 

«A cidade está chea de pistas para coñecer a súa identidade»

O escritor vigués deixa a novela nesta ocasión para facer unha guía histórica da zona vella de Vigo

Xerais ven de publicar Camiñar o Vigo vello, un libro no que Pedro Feijoo propón unha ollada diferente cara á parte antiga da cidade. 

-¿Cal é a orixe deste libro?

-Naceu coa idea de compartir esa especie de memoria colectiva que todos en maior ou menor medida coñecemos da cidade, pero que por separado dá a sensación de que se vai perdendo. Tamén teño que dicir que non teño a intención de sentar cátedra.

-¿Tamén é unha guía?

-Si, porque outra das intencións que ten é animar a que a xente saia a camiñar pola parte antiga. Moita xente, ás veces, quédase coa idea de que xa coñece Vigo. Eu quero chamar a atención para pelexar contra esa idea. Hai que saír e camiñar e ver que nos atopamos.

 -Chámalle Vigo vello. ¿É unha reivindicación?

-Si, eu creo que deberiamos reivindicar esa denominación. Nos primeiros capítulos, fago algunha mención ao Casco Vello porque sei que é a acepción máis popular, pero efectivamente nin casco é galego e ademais quédase moi curto porque a xente o identifica da Porta do Sol cara ao mar, e é moito máis, Creo que habería que poñer en valor ese termo.

-¿Facendo o libro cambioulle a súa idea do Vigo vello?

-Si, aínda que moito diso xa o había antes. Outra cousa que conto moito no libro é que o primeiro responsable destas cousas é o meu avó, Manuel de la Fuente. Eu crecín con el, e estaba moi afeito dende rapaz a acompañalo nas súas pesquisas. Teño como recordo que el íame dicindo cousas para que me fora fixando. Despois, a pouco que te involucras e tratas de investigar ou de ler, decátaste de que tes que ir cos ollos ben abertos.

-¿Non hai cousas que damos por feitas e non son tal?

-Si, se prestamos atención a detalles, a cidade está chea de pistas para coñecer a súa identidade, o carácter e moitas outras cousas. Moitos aspectos que hoxe damos por sentados non foron así. Pasa coa localización da imprenta de Juan Compañel, onde se tirou Cantares Gallegos, de Rosalía de Castro; unha placa mal colocada fai que todos festexemos o Día das Letras Galegas no lugar equivocado. Pasa coa Reconquista, nós estamos celebrando unha versión que non é completa.

-¿Que foi o que máis lle chamou a atención?

-O desfase que hai entre o que damos por sabido é o que foi. Esa fachenda de pensar que como é a nosa cidade e a tratamos todos os días, xa pensamos que o sabemos todo dela, cando en realidade hai moitas cousas que non son así. Despois tamén as pequenas historias que vas descubrindo, como o pano enteiro da muralla que se conserva sen sinalizar na subida ao castelo de San Sebastián dende o Paseo de Alfonso. Ou reloxo de sol que hai na casa de Figueroa. Son cousas que están a vista e non nos decatamos delas.

Deixa un comentario!