Menu Xerais

Poemas no perímetro nómada: «Corpo», de Antón Lopo. Reportaxe de Daniel Salgado

O xornal Sermos Galiza publicou unha información de Daniel Salgado sobre o libro de poemas Corpo, de Antón Lopo, gañador da sexta edición do Premio Manuel Lueiro Rey de Poesía.

 

Poemas no perímetro nómada

Nese territorio que non é nin a terra nin o mar, sobre o que se despregan as mareas e onde se cruzan universos, escribiu Antón Lopo Corpo, o libro de poemas co que vén de gañar a sexta edición dopremio Lueiro Rey. “O elemento central é a noda, ese espazo híbrido que non é auga nin area, e que eu chamo perímetro nómada”, define.

Textos breves e con variedade formal, escritos nun curto período de tempo o pasado verán -“a atmosfera estival percíbese”, di-, conforman unha obra que se sitúa no entre, na intersección. De aí, as continuas referencias de Lopo á idea de “noda”. “Entendo a poesía como noda, ese lugar entre o eu e o nós, ou entre o eu e o outro”, esténdese. E co corpo, núcleo fundamental do traballo literario e artístico do autor, no centro.

 “O corpo vertebra o libro, coa súa porosidade, con todo o que del se prolonga. Por exemplo, a lingua”, engade, “aínda que os poemas tamén falan da morte, da verdade, da dor e da violencia, e, sobre todo, da fusión, de fundirnos nun espazo común”. Polo tanto, de política: “Claro, é que eu non concibo a miña poesía, a poesía de ninguén, sen ser política. Todos somos suxeitos políticos”.

 Desde que en 2005 aparecera Dentro, Antón Lopo (Monforte de Lemos, 1961) non publicaba poesía. “O que non quere dicir que non seguise traballando”, explica. Lampíricos, unha acción a medio camiño entre a performance e a poesía oral, ocupou os seus labores poéticos. “Mais este libro queimoume nas mans, quíxenme desprender del axiña. Se cadra, porque me causa algo de estrañeza e arrasábame. Coido que é un libro interesante desde o punto de vista dunha poética en desenvolvemento”.

 Entre Dentro Corpo, Lopo converteuse en editor. E esta circunstancia, confesa, influíu na escrita da obra gañadora do Lueiro Rey. “No proxecto Chan da Pólvora tratamos de facer unha especie de editorial de autor, de desenvolver un discurso. E é un dos traballos máis excitantes e incitantes que fixen”, sinala, “toda esa enerxía que deixas e que recibes, de novo esa especie de noda, xera coñecemento compartido”. Ese medio ambiente contribuíu a xerar “as ganas e a necesidade” de se “diluír” en Corpo.

 O xurado do VI Premio Lueiro Rey constituírono os escritores Luís Cochón, Silvia Penas e Mercedes Queixas e mais os críticos Armando Requeixo e Ramón Rozas. Como secretaria obrou Carmen Carreiro, presidenta da Asociación Cultural O Cruceiro da Laxe. O galardón, convocado, polo Concello de Fornelos de Montes, recaeu nas pasadas edicións en autoras como a propia Silvia Penas, Eli Ríos, Isaac Xubín, Luís Valle e Marcos Abalde.

Daniel Salgado

Deixa un comentario!