Menu Xerais

Poemas que removen conciencias e non deixan indiferente a ninguén: «Street Poems», de Fran Alonso. Crítica de Antonio García Teijeiro en «Remuíño de libros»

Antonio García Teijeiro publicou no seu blog Versos e Aloumiños unha anotación sobre o poemario Street Poems, de Fran Alonso.

 

«Street Poems», de Fran Alonso

 

Dende que lin Cidades, hai xa ben anos, comprendín que a poesía de Fran Alonso (Vigo, 1963), dirixida á mocidade, levaba unha orientación innovadora e estaba enfocada a presentar moitos camiños ao lectorado.
     E sucedeu, tamén, con aquela poesía que Fran Alonso escribiu para as primeiras idades. O meu gato é un poeta e Poemas birollos para ler cos ollos son un claro exemplo do que estou a dicir.
Teño nas miñas mans un novo poemario deste autor vigués: Street Poems. De novo, convencionalismos fóra.  De novo, procurando o interese do lectorado mediante poemas para ver. poemas  para que se identifique coa realidade artística circundante calquera lector/a, para que sintan a proximidade dos textos tirados dos muros das rúas xunto cos seus propios. Uns serven de inspiración aos outros e a creatividade do poeta non ten cancelas.
     Todos eles están impregnados de rebeldía. Son golpes de voz dun certo carácter subversivo. Removen conciencias e non deixan indiferente a ninguén.
     Atopamos en Street Poemas fotografías que Fran Alonso foi facendo de textos e imaxes pintadas en muros e paredes. El mesmo explica a procedencia dos poemas nunha introducción ao poemario: Este é un libro que foi medrando aos poucos na miña cabeza. Comecei hai catro anos, fotografando aqueles graffiti ou intervencións de “street art” alí por onde pasaba, inicialmente de xeito esporádico e ao final de xeito sistemático.
Si, porque o que Fran Alonso ía atopando (tags, murais nunha parede, edificio, vagón dun tren ou nunha árbore) converteuse, case sen querer, en intervencións que o levaron a crear este libro tan singular. O poemario dun autor atrevido que crea espazos de plástica e poesía con poemas gamberros, críticos, inconformistas.
     Un poemario de denuncia, reivindicativo cen por cen no que imaxe e texto desenvolven un papel que se converte en reto para quen entre neste mundo tan atractivo.
 Poesía na nova dimensión. Poesía visual en moitos casos. Poesía necesaria nunha contorna que precisa da creatividade en toda a súa extensión. A expresividade visual e a palabra indomable feitas poesía.
     Un libro para permanecer.

Deixa un comentario!