Menu Xerais

Rede Lectura recomenda «Fóra do normal» de María Reimóndez e «O que sei do silencio» de Andrea Maceiras, novidades da colección xuvenil Fóra de Xogo

Rede lectura, o blog da Asesoría de Bibliotecas Escolares recomenda as obras xuvenís O que sei do silencio, de Andrea Maceiras, e Fóra do normal, de María Reimóndez, ambas pertencentes á colección Fóra de Xogo.

 

 

Novidades na colección Fóra de Xogo de Xerais

Unha das novidades de Xerais é a novela O que sei do silencio de Andrea Maceiras,  que foi finalista do Premio Raíña Lupa en 2017.

No inicio da novela Delia, a protagonista, di dela mesma “Chámome Delia e son unha covarde. Esta é a historia de como acosamos a Silke durante os meses que estudou no noso instituto. E de como todo se nos foi das mans. Das miñas mans inútiles”. E crea un blog para contar esta historia de acoso pasivo e cómplice.

Destinada a un lectorado xuvenil, a novela é ben interesante para tratar o tema do acoso, e se se fai como lectura compartida nun club de lectura dará para reflexionar sobre este problema tan grave entre os e as adolescentes e mudar o rumbo das relacións interpersoais nos centros de ensino.

Con Fóra do normal  María Reimóndez acadou o Premio Agustín Fernández Paz de Narrativa Infantil e Xuvenil pola Igualdade 2017. Ilustrada por Antonio Seijas, a novela trata do conflito entre identidade e corpo que ten André, o mozo protagonista. Acompañado de amigas, como Mucha e a Patrulla Trans, e da lectura de cómics intentará superar o problema porque “no medio da treboada, a única heroicidade é resistir”.

Destinada tamén a un lectorado xuvenil, é unha novela moi acaída para a selección de lecturas sobre igualdade e coeducación, onde se nos fala de tecer redes de afectos, máis alá do xénero e que posibilitará a moitos mozos e mozas atopar referentes… novela espello mais tamén xanela ao mundo.

Títulos ambos,  imprescindibles tamén, nas suxestións lectoras para o verán.

Deixa un comentario!