Menu Xerais

Soñar un soño, unha novela chea de emocións: «O trapecista da malla de rombos», de Alberto Canal. Crítica de Xosé Manuel Eyré

O crítico Xosé Manuel Eyré publicou no seu blog Ferradura en tránsito unha recensión sobre a novela  O trapecista da malla de rombos de Alberto Canal.

Soñar un soño

Foi o que fixo o Padre Silva,a mediados dos anos sesenta do pasado século, en plena ditadura, soñar un soño onde axudar os máis desfavorecidos, os nenos máis defavorecidos, e con esepropósito fundou a Ciudad de los Muchachos en Benposta, unha finca nos arredores de Ourense, en Seixalbo, onde dese soño naceu a segunda escola de circo do mundo. Un proxecto ilusionante e utópico, en plena ditadura un lugar onde todos os rapaces tiveran os mesmos dereitos e que entre eles levaran o goberno da cidade, escollendo os seus alcaldes, elaborando as súas propias leis, a súa propia moeda. Un oasis de liberdade na gris atmofera que os rodeaba. Unha esperanza para cativos desfavorecidos de Ourense e do mundo enteiro, pois o proxecto reproduciuse en varios países. Unha raiola de luz e de ilusión, ilusión, a que espertaban nos espectadores aqueles rapaces do circo, un circo sen animais, que axiña se fixo cun sólido prestixio que os levou a non coñecer fronteiras. Unha utopía feita realidade para levar a ilusión por esas terras adiante.

            Unha homenaxe a Benposta é a nova novela de Alberto Canal, O trapecista da malla de rombos. Unhahomenaxe a un proxecto que os días levaron a esquezo e aínda se atopa en vía xudicial, mais en todo caso un proxecto que comezou a morrer cando se pechou a escola de circo. Nela, un rapaz de dez anos, Fidel, adquire o nome de Iupanki e quere ser trapecista da Ciudad de los Muchachos, Iupanki, un rapaz orfo que vive coa tía Amadora, el quere ser o trapecista da malla de rombos. Agáchase no nome do rapaz unha segunda homenaxe, a Atahualpa Yupanqui, como na mesma novela se recoñece. E ao Padre Silva, que na novela aparece como o Padre Silveira. Mais ese soño do rapaz Iupanki ten que enfrontarse aos designios do alclade (de Ourense) Cachafeiro e  a gobernadora Margarida, que queren pechar Benposta para facer un campo de fútbol. É importante salientar que é unha homenaxe desde a ficción, non se trata de reproducir a historia de Benposta, un pedazo da historia de Benposta, senón de crear unha historia que puidera ter acontecido alí.

            Para levar a cabo o seu soño, Iupanki conta coa axuda dun cura un tanto especial, o padre Peitos, que pon en contacto con Benposta coa escusa de achegarlles catequese aos rapaces da Ciudad de los Muchachos. En principio a tía Amadora non está moito polo labor, mais o padre Peitos convéncea e alí Iupanki atopará novas amizades e un mundo que lle abre os ollos aínda que non entenda moi ben como unha cidade pode estar gobernada por nenos. Especial importancia teñen Moacir, o alcalde, e Nuna, unha nena peruana un pouco maior que Iupanki. Moacir representa o mundo dos maiores, xa non é un neno, e Nuna será a primeira experiencia amorosa de Fidel, de Iupanki. Desde os seus dez anos, Iupanki non entende  maneira de protestar polos proxectos do alcalde Cachafeiro e a gobernadora Margarida. Mais dá igual. Tampouco entende moi ben o concepto de non violencia, que é o que padre Silveira preconiza para salvar Benposta. Como un home, simplemente sentado e en silencio (Gandhi) puido lograr a independencia dun país (India). Non entende como desde a non violencia se van enfrontar aos Homes de Amarelo, que veñen protexidos pola policía e esta está armada. Mais a novela e homenaxe a unha utopía feita realidade e será a non violencia o xeito que Iupanki escolla para enfrontarse aos inimigos de Benposta.

            Os ollos dun neno ábrennos a realidade dunha utopía feita realidade a fin de que a valoremos convenientemente. O feito de que exista un proxecto como Benposta non foi analizado na súa profundidade por unha sociedade como a galega, cos ollos postos noutras realidades non foi quen de alcanzar a fondura necesaria para ubicar no seu lugar unha Benposta que foi un espello para o mundo. Quizá nos días de hoxe, con esta democracia herdeira do franquismo, pareza que Benposta perdeu actualidade, hoxe todos podemos votar, mais iso non é escusa para que a obra do Padre Silva non ocupe o  lugar que lle corresponde na nosa historia inmediata. Nin para que os obxevctivos benéficos das Ciudad de los Muchachos perderan vixencia, pois hoxe en día segue habendo nenos desfavorecidos aos que atender. Ou iso debemos entender polo feito de que estea editada nunha colección para adultos, aínda que non mudaría nada de selo en colección para os máis novos. Mais somos os adultos os que temos que reubicar correctamente o proxecto de Benposta, o futuro da obra do Padre Silva aínda está nas mans dos adultos hoxe en día.

  Contada con sinxeleza, O trapecista da malla de rombos é unha novela que coida moito as emocións e reproduce axeitadamente o modo de pensar dun cativos de idades dispares, aínda que os haxa que tamén teñen os mesmos anos. É precisamente aí onde se atopa o seu maior achádego. No feito de diferenciar o modo de pensar dunha Nuna, por exemplo, fronte a Iupanki, varón e menor ca ela, mais os dous partícipes da comunidade de seren aínda rapaces. Ese era o seu meirande desafío narrativo, e sae del con éxito evidente.

Xosé Manuel Eyré

Deixa un comentario!