Menu Xerais

Suso de Toro: «Creo que esta novela encerra dentro todos os temas doutros libros meus»

Biblios Clube de Lectura publicou unha entrevista co escritor Suso de Toro sobre a súa novela Fóra de si

 

Suso de Toro fala para Biblos do seu regreso á novela con Fóra de si

«Este libro paréceme que leva dentro todos os temas doutros libros meus», afirma

−Coa volta ás aulas non semella que se resentira en nada a súa produción literaria ao abandonar a profesionalización como escritor que procurara na etapa anterior.
−Foron oito anos sen publicar e nos que unicamente escribín uns corenta folios de literatura (un texto inédito, “Negocios de familia” dentro dun volume de tres textos, “Somnámbulos”), de modo que eu creo que o músculo e o pulso literario forzosamente se tivo que resentir. De feito custoume sentar de novo a escribir un libro enteiro, un romance.
−Como valora o cambio xa con perspectiva?
−Non sei se hai cambio, as consecuencias dese parón. Este libro paréceme que leva dentro todos os temas doutros libros meus, as relacións familiares, a investigación do pasado… Outra cousa é se hai unha perspectiva vital distinta sobre eses temas. Supoño que sería lóxico, os escritores van modificando o seu punto de vista segundo a época da vida na que están, eu tamén me fixen máis vello…
−Como di o psiquiatra Adolfo na novela “primeiro vives a vida e logo dáslle voltas á cabeza por ver de entendela”. Ao remate da existencia, só quedan preguntas?
−Coido que non, coido que o que non hai é todas as respostas ás nosas preguntas. Mais, iso qué máis ten. Non ten importancia, o que importa é poder coñecer o conxunto da nosa vida, o relato, aínda que sempre haberá cousas que descoñezamos. E, se callar é así porque así debe ser.
−“Fóra de si” está o que se descontrola, máis tamén é todo canto nos rodea alén nós. O protagonista está desorientado pero o mundo tampouco é como el o coñecía.
−Se chegas a unha idade, se sobrevives, o mundo nunca é como ti o coñeciches… Pásanos a todos, todas, acabamos por sentírmonos fóra de época, que o noso tempo xa pasou, aínda que non queiramos. Outra cousa é se falamos do momento actual, no que efectivamente estamos a vivir unha época de crise profunda do que nos rodea e sobre todo do que está por encima nosa, esmagándonos.
─Hai algo de caricaturesco e inverosímil na novela. Por que?
─Coñezo bastante a este autor, levo lendo nel desde que publicou o seu primeiro conto no ano 1983 e sempre percibín que, aínda que utilice técnicas do realismo, sempre hai algo de mítico, de grotesco e de cómico no que escribe. Non é un escritor realista aínda que o pareza, máis ben é un escritor de historias de fantasmas.

Deixa un comentario!