Menu Xerais

«Terra», de Xurxo Mariño e «A señorita Bubble», de Ledicia Costas, entre os mellores libros do 2017 para o crítico e escritor Mario Regueira

O escritor e crítico Mario Regueira elixiu no seu blog os que son, ao seu xuízo, os catro mellores libros do ano 2017. Entre eles, figuran dous títulos de Xerais: o libro o libro Terra, de Xurxo Mariño, subtitulado Ciencia, aventuras e sorpresas dunha viaxe arredor do mundo; e a novela A señorita Bubble, de Ledicia Costas.

 

Terra, de Xurxo Mariño (Xerais) 

Hai algo en Xurxo Mariño que evoca un personaxe doutro tempo. A propia idea de facer unha viaxe arredor do mundo, por exemplo, pero tamén a crenza de que, nun mundo interconectado e no que a información flúe cunha facilidade inédita para o ser humano, segue pagando a pena realizar esa travesía e ir contando as distintas anécdotas e aprendizaxes que unha experiencia así ofrece. Terra é un froito inesperado a medio camiño entre a literatura de viaxes e a divulgación científica. Xurxo Mariño destacaba como divulgador no campo da neurociencia. Nesta obra o protagonismo oscila entre a bioloxía e a xeoloxía, sen esquecer a perspectiva sociolóxica e antropolóxica, o aspecto emotivo e mesmo o político, nunha viaxe que acontece cun principio tan poético como o de perseguir o verán polo globo. Sen dúbida un libro único e unha experiencia inimitábel.

A señorita Bubble, de Ledicia Costas (Xerais)

Incorporando á triada clásica de xéneros a chamada literatura infantil e xuvenil, este ano quero destacar a máis nova obra de Ledicia Costas. Tal e como mencionamos nalgún lugar, hai un pouso moi ben levado dos universos de Roald Dahl, capaces de conxugar o divertido co tétrico, apostando sempre pola intelixencia dun público novo. O estilo non é novo, nin sequera na obra da autora, e porén hai algo que fai a señorita Bubble un personaxe inesquecíbel. Probabelmente a forma de representar unha heroína en loita contra a sociedade e capaz de empregar a ciencia e a tecnoloxía ao seu favor. Elementos todos tan necesarios como poucas veces vistos na nosa literatura.

Mario Regueira

Deixa un comentario!