Menu Xerais

Un cursiño ameno encol das simbolizacións de Galicia e da súa cultura: «Máis que ver. Cen historias do deseño na Galiza», de Pepe Barro. Anotación na revista Luzes

A revista Luzes publicou unha anotación de David Rodríguez sobre o libro: Máis que ver. Cen historias do deseño na Galiza, de Pepe Barro. O libro está publicado por Xerais na colección Ensaio.

 

‘Máis que ver. Cen historias do deseño na Galiza’ (Pepe Barro, Xerais)

 

Se cadra, por unha cuestión xeracional, a Pepe Barro acaeríalle mellor aquela pregunta tópica do ligoteo oitenteiro de «Estudas ou deseñas?» que a imaxe do deseñador gráfico cool do bigotiño en punta, os barrios xentrificados, os restaurantes veganos e a tecnofilia made in Apple; pero, con certeza, —cando menos a xulgar pola súa traxectoria e polo que debulla no libro Máis que ver. Cen historias do deseño na Galiza (Xerais, 2018)— o tipo de deseño gráfico que mellor epataría con Barro sería o dos próceres daquela mestura galeguizada da Bauhaus de Gropius e a Arts and Crafts de William Morris chamada Sargadelos: Isaac Díaz Pardo e Luís Seoane.

Trátase, logo, dun deseño gráfico con forte consciencia nacional, moi preocupado por incardinarse na iconografía histórica do país, por enchouparse das formas plásticas artísticas, populares, relixiosas, industriais, legadas polo pasado para nutrirse delas, respectuosamente, e proxectalas, convenientemente renovadas, cara ao futuro.

Con esta filosofía detrás, con esta bagaxe, o profesional do deseño Pepe Barro creou, na súa xa dilatada carreira, gráficas tan senlleiras e características de certa idea de galeguidade como a da equipaxe da selección galega de fútbol —coas súas dinámicas liñas diagonais que evocan un feixe de bandeiras axitadas ao vento—, ou a fermosa e funcional rosa formada por elipses e un gran G central que serve de símbolo corporativo da Casa de Rosalía.

Mais as pequenas crónicas que enchen as páxinas do libro —procedentes da súa sección no semanario Sermos Galiza, «Botar un ollo»— non só tratan das creacións do autor. Nelas trázase tamén un entretido percorrido polo deseño e a figuración icónica de múltiples aspectos da vida galega. Da man de Barro coñecemos, por poñer apenas algúns exemplos, a historia da presenza da vieira como metonomia de Galicia ao longo do tempo, da controvertida tipografía usada nas cabeceiras dos xornais do pre-Rexurdimento La Oliva e El Miño, das diferentes connotacións políticas do trisquel empregado como símbolo corporativo pola empresa química Zeltia, da influencia da estética do comix underground en Reimundo Patiño ou da ascendencia que tivo unha inscrición tallada en pedra no Pórtico da Gloria en toda a secuela de «letras galegas» que, desde Mayer Castro a Castelao e máis alá, pretende condensar nesa familia de tipografías decorativas medievalizantes, o sempre fuxidío «espírito galego».

Neste sentido, o libro de Pepe Barro convértese nun cursiño ameno e accesible a todos os públicos encol das simbolizacións de Galicia e da súa cultura con máis valor estético e histórico; pero tamén sobre as que máis foron callando socialmente –ata facerse, como por exemplo a estética «celta», tremendamente populares— no decorrer do tempo.

Un libro sobre deseño gráfico nun país que, se a priori non se relaciona automaticamente coa disciplina, conta na súa historia con varios representantes competentes na mesma. Ata o punto de que, como sinala Pepe Barro, dous «pais da patria», Alfonso Daniel Rodríguez Castelao e Luís Seoane (por non falar de Camilo Díaz Baliño), dedicáronse, en certos momentos das súas vidas, a esta arte aplicada.

O traballo, de lectura grata e enriquecedora, recoméndase para adquirir unha base cultural mínima no feito estético diferencial galego (necesaria tanto para continualo como para desafialo con rigor), ao que, quen isto escribe, só lle poría unha chata no que ten que ver coa propia concepción da capa do libro: contar cunha portada que non lle fai xustiza, malia que na súa formalización se poida entrever a intención de negar o protagonismo do individuo Pepe Barro en favor dunha concepción colectiva do deseño gráfico feito no e desde o país.

Deixa un comentario!