Menu Xerais

Un imprescindible en galego que sorprende polo seu enxeño: «A ciencia do día a día», de Xerais. Crítica en Brabádegos

O portal de literatura infantil e xuvenil Brabádegos publicou un artigo sobre o libro: A ciencia do día a día, publicado por Xerais na colección: Obras de referencia – Básicos da ciencia.

Se a curiosidade é algo que campa de modo xeral pola casa este, sen dúbida, é o manual que precisas

Hoxe imos falar de normalización do idioma, de ciencia en galego, de dereitos e de acertos editoriais, ademais de recomendar un libro. Pensamos no souto que se ben o mercado das ideas e de propostas na LIX cada vez é maior, este compite en desigualdade co resto do Estado, xa que o noso tecido produtivo recibe cada vez menos apoio institucional e case non se fai nada desde a Administración por campañas de fomento da lectura, pola educación en galego e pola promoción do idioma. Dáse a circunstancia de que cando falamos de lingua de noso ás veces temos dificultades para atopar unha serie de produtos básicos que están no cotíá das nenas que falan en castelán. Tanto é así, que no caso da ciencia e das matemáticas coa aprobación do Decreto do mal chamado plurilingüísmo por non atopar nin atopamos libros de texto nesa lingua. Sabemos moito do tema xa que temos brabadeguiñas ás que lles gusta sumar en galego, o saber en galego e que teñen unha curiosidade innata polo mundo da ciencia e, aínda que si hai libros illados, manuais específicos que podemos atopar relacionados coas plantas, cos mamífearos (Os Inventarios de Kalandraka por exemplo), coa aprendizaxe dos números en Infantil ou co xogo, apenas existe ese tipo de produto que soluciona dúbidas e serve de consulta para un lúdico aprender.

Saudamos no souto con especial querencia A Ciencia do día a día, respostas rápidas para preguntas enxeñosas, E logo… por que? de Xerais Básicos Ciencia, da autoría de Larousse Editorial e con ilustracións de Bruno Martínez Tabares, un imprescindible en galego que sorprende polo seu enxeño e responde a preguntas do tipo Por que estouran os flocos de millo, De onde vén a electricidade e Poden pensar os ordenadores? Un manual que responde a esa curiosidade que nos fai ficar pampas ás adultas ou ás profes, esa curiosidade sá que debemos potenciar para unha aprendizaxe lúdica. Un manual que, completo e moi visual, con ilustracións atraentes, responde a 140 preguntas en galego cunha edición en tapas duras con aneis. Se nunca soubemos a razón pola cal as bombonas son laranxas, se temos dificultades ao explicarlles ás pequenas o motivo polo que afunden e flotan os submarinos ou se simplemente a curiosidade é algo que campa de modo xeral pola casa este, sen dúbida, é o manual que precisas.

Dividido en dous núcleos temáticos, a ciencia en cousas da casa e ciencia para ir polo mundo, está dirixido a todas as idades, pero especialmente a Primaria, onde o saber, a curiosidade, a experimentación e o xogo, deben ser promovidas especialmente para o día de mañá.
Aproveitamos esta entrada de blog para denunciar a escasa presenza da nosa lingua na escola, para saudar agarimosamente aquelas docentes que se esforzan por transmitir coñecemento na nosa lingua, para todas as que entenden que unha lingua, ademais de ser un tesouro e ser a lingua dos nosos antepasados, é unha oportunidade cognitiva única de coñecemento e, tamén aproveitamos para saudar iniciativas normalizadoras marabillosas coma esta de Xerais.
Ultrarrecomendado

Deixa un comentario!