Menu Xerais

Un libro de lectura agarimosa e cálida: «Muriel», de María Canosa. Crítica de David González

O blog Palabra de Gatsby publicou unha recensión de David González Domínguez sobre a novela Muriel, de María Canosa, Premio Merlín de Literatura Infantil 2017, ilustrada por Lucía Cobo.

 

Recensión: María Canosa, «Muriel»

Tras varios anos como finalista do Premio Merlín de literatura infantil, María Canosa fíxose co galardón en 2017 por Muriel, libro protagonista na recensión de hoxe. Pese ó amargo da espera, considero que este libro amosaperfectamente o enorme crecemento a nivel literario da autora dentro da LIX galega nos últimos anos.

 Muriel é un libro de lectura agarimosa e cálida no que a tensión narrativa e o interese non nacen do conflito, senón do descoñecemento. Tanto Muriel como ó lector embarcanse nesta orixinal aventura baixo as mesmas regras e premisas. Non é por iso casual que sexa sinxelo fundirse co personaxe nunha primeira persoa que en todo momento faise eco dos nosos intereses.

 Non sabía moi ben por que, pero aquel home tiña algo especial que o atraía. (páx.19)

 O máis interesante da obra é o culto á figura feminina da avoa na historia. O neno sente devoción por unha figura que resposta ós seus ideais de vida. A avoa de Muriel é afouta, traballadora, boa e xenerosa. A perda desa figura lévalle a modificar os seus hábitos e mesmo a non comprender a vida da mesma maneira. Unha homenaxe moi agradecida por parte da autora á figura da avoa tanto dentro da cultura galega como na estrutura familiar tradicional.

 A avoa contaba os mellores contos de inverno ao pé da lareira e as máis refrescantes historias de verán baixo a parra, nas noites mornas. Enfornaba pasteis de amorodos, tortas de mazá e doces de marmelada. Subira nunha avioneta, tamén nun globo aerostático. Construía camas elásticas e cabanas nas árbores. Facía excursións polo monte das que sempre traía tesouros de agasallo: pedras, paus, froitos, niños de paxaros abandonados, flores e follas para infusións; preciosos anacos de cristal. (….) (páx. 12)

 O libro estrutúrase en vintecinco capítulos de extensión desigual no que se reproduce a evolución da personaxe principal a modo de etapas no seu crecemento. Neles tamén existe espazo para presentar e explorar a historia dos secundarios como Blim ou Fígaro. Durante toda  novela os pensamentos dos personaxes teñen moito máis peso que as descricións, aínda que tamén temos retazos desta na xeografía de Cartaria.

 Compoñente fundamental do libro tamén son as fermosísimas ilustracións de Lucía Cobo, que reflicten o conflito de cores e luminosidade que hai no texto, e afondan no mundo que crea a autora.

En resumo, Muriel é un libro que amosa que debaixo dunha mesta néboa sempre hai algo cálido e inocente que convida a ilusión. Unha historia no que a amizade, o amor familiar e a necesidade de cor eclipsan a escuridade e o esquecemento.

Sinopse:

 A Muriel custáballe prender no sono, botaba de menos as conversas coa avoa e o tempo que pasaban xuntos. E os seus contos e os seus pasteis. E as súas limoadas. E os seus bicos máxicos que curaban calquera dor. E as súas bufandas. E a dose exacta de mel que había que botar na cunca de leite polas noites. E o seu olor e a calor do seu corpo. Coa avoa todo era sinxelo e todo era posible. A vida de Muriel volveu mudar cando coñeceu un raposo de sorriso enigmático e a Fígaro.

Gañadora do Premio Merlín de Literatura Infantil 2017, «Muriel» foi definida polo xurado como «unha historia sedutora, onde conta cada palabra; un canto á imperiosa necesidade da cor; unha aventura entrañable, cálida e misteriosa».

David González Domínguez

Deixa un comentario!