Menu Xerais

Un libro posuído por un ritmo vagoroso, reflexivo e brillante, con poemas dotados dunha ollada intensa, irrebatible: «Corpo», de Antón Lopo. Crítica de Ramón Nicolás

O crítico Ramón Nicolás publicou no blog Caderno da Crítica unha anotación sobre o libro de poemas Corpo, de Antón Lopo.

 

Corpo, de Antón Lopo

Antón Lopo sitúase nese ronsel de voces inclasificables, senlleiras e únicas. En cada libro seu, en cada intervención oral que lle oímos, en cada exercicio performático que leva a cabo,  en cada orixinal que transforma en libro ao coidado da súa man desde Chan da Pólvora, hai sempre un reto onde deixa o mellor de si.

Dicía Michel Foucault que o corpo está atravesado, dalgún xeito, polos discursos e isto ocorre con este Corpo, o seu último libro de poemas publicado hai uns meses: unha proposta igualmente senlleira e única porque Lopo esculpe poemas nunha pedra granítica que moldea con amor, sabedoría e elegancia para que estes queden entre nós porque -dío doutros pero tamén se pode aplicar a el- é desa estirpe de voces que ás veces o poema elixe.

Hai aquí un poema inicial, un pórtico -“Escisión”- que, a xeito de índice, nos fala xa de como se “escinde” este Corpo poético: nel todo é posible porque este é un libro libre ateigado de territorios, experiencias e pensamentos concretos no cal, como sinala Luís Cochón nun epílogo ad hoc, os poemas poden lerse como “unha serie de suites que poden visualizarse a modo de performance”. Libro fronteirizo, así pois, porque abraza ese achado, fantástico e tan rendible simbolicamente como é a noda: ese territorio marítimo que non é mar nin terra, tan acaído para introducir o concepto de alteridade e interseccionalo con outros moitos como son os do intervalo ou o da propia obviedade. É tamén desde esa instancia  como se nos convida a percorrer espazos de terra e sal -luminosos os máis, optimistas, abraiantes case- ou aqueloutros máis íntimos e persoais que se ancoran na memoria, materializada esta nas pegadas que deixa no propio corpo e que, ademais, son operativos para explorar, para espoliar mesmo, as dimensións da voz creativa que transita por temáticas como son o paso do tempo, a morte, o desexo, o amor, a lingua, a dor, o erotismo, a confluencia, a unión ou o que significa, para un poeta, a propia escrita.

Libro posuído por un ritmo vagoroso, reflexivo e brillante (“Este país é un neno acurralado / un enxame que nos envolve”), exhíbe unha reveladora heteroxeneidade en canto á forma escollida que vai do período máis longo ao máis curto case acariñando o espírito dos haikus ata outros poemas de carácter máis discursivo, mais sempre dotados dunha ollada intensa e irrebatible, case definitiva: “Ninguén volverá a ter / terá esta mirada”.

O libro mereceu a sexta edición do Premio de poesía Lueiro Rey. Eu ben que me alegro porque sei que Lopo pertencía á causa Lueiro desde hai moitos anos; porque sei que o gran pedogogo que foi Herminio Barreiro estaría feliz. Agora Lopo xa poboa esta Causa cun libro extraordinario. Parabéns!

Ramón Nicolás

Deixa un comentario!