Menu Xerais

Un libro rebelde, incómodo, interesante: «Culpable», de Eli Ríos». Crítica de David González

O blog Palabra de Gatsby publicou unha recensión de David González Domínguez sobre o libro de poemas Culpable, de Eli Ríos, IV Premio de Poesía López Abente 2017.

 

 

Recensión: Eli Ríos, «Culpable»

Atopámonos ante un libro rebelde que critica e denuncia sen remorsos e desestabiliza os piares academicistas da lírica de comezo a fin. Un conxunto de textos que transmiten sentimentos dende a súa verdade, sen aderezos estilísticos de ningún tipo.

Neste libro maniféstase de forma explícita a disconformidade dun eu que non quere ser suxeito de nada nin de ninguén. Unha chamada a liberación do individuo de calquera obstáculo que supoña unha limitación para o seu desenvolvemento e unha crítica consciente a calquera convención do xénero poético.

 Serei unha muller con voz de home, hermafrodita, un home feito muller
ou a voz que me dea a santa gana entre as estrofas porque o eu na lírica
só ten as arestas que a miña vontade module para tecer este momento.
Así que… Faime o favor e afasta de min os devezos culturalistas e académicos! (…)
(páx.8)

 Culpable é un poemario voluntariamente incómodo tanto na súa escrita como na propia disposición no papel. Nos versos non se respira unha necesidade de darlle ó lector o traballo feito. Convídase ó lector a buscar a esencia dos textos e a reestruturar a súa visión dos límites do poético. Os elementos mass media combínanse con referentes poéticos que pese ó ton desenfadado do poemario, están ben elixidos.

 A cambio das túas cookies prométoche unha boa morea deses poemas líricos que che gustan.
 Eses nos que ti serás a persoa que os experimente: a túa vida exposta ao público.
Levareite dentro dos versos e ti regresarás, no final, para cumprir a túa promesa:
axudarasme a capturar os suxeitos e soterralos no fondo dos alxubes para dragóns.
(páxs. 26, 27)

 Xogando coa polémica dende o propio conflicto, cunha perspectiva eminentemente crítica e convidando a unha lectura dinámica que destrúe estruturas poéticas convencionais co paso das páxinas; Culpable convértese nun dos libros poéticos máis interesantes de entre as novidades literarias en lingua galega.

David González Domínguez

Deixa un comentario!