Menu Xerais

Un libro sorprendente, lonxe do politicamente correcto, que non deixa títere con cabeza: «Noites de safari», de Marleen MaLone. Crítica en Trafegando ronseis

O blog Trafegando ronseis publicou unha anotación sobre a novela Noites de safari, subtitulada «Manual sobre amantes desorientados», de Marleen MaLone.

 

Noites de safari

Tiña moitas ganas de ler este libro porque, sinceramente, cáeme moi ben Iolanda Zúñiga, no pouco que puiden coñecela, e gústame sguila no Facebook. E así como agardaba con ansia a súa lectura, procureina no mesmo momento en que necesitaba fuxir da dor polo pasamento da miña nai. E claro, non foi nin fun oportuna. Agora que tento falar do libro quixera ser o máis obxectiva posible e sei que me vai ser difícil, xa que o veo non rachou. Porque non foi o libro axeitado, pensando que o seu humor me ía servir de refuxio, non o logrou.  Pola contra, custoume.

Falo do libro Noites de safari. Manual sobre amantes desorientados, publicado por Xerais, que reza escrito por Marleen MaLone, trasunto da nosa prezada Iolanda, que leva o seu humor ata o mesmo nome, con este “Malone” tan evidente, e que Ramón Nicolás vén de denominar “postura ortónima” (nada que ver coas posturas do Kamasutra das que nos falará o libro).
Unha novela claramente provocativa e transgresora, na que non se impoñen límites á linguaxe e na que se desbota calquera tabú posible sobre a sexualidade, pero que ten impregnada en cada páxina o sarcasmo e a vontade de crítica social. Consegue un catálogo masculino descorazonador que ao final, no Z, devólvenos a esperanza, porque, que queredes que vos diga, a min o de “xogar” nunha libraría paréceme super atraente…
Así que se queredes deixarvos sorprender, este libro vaino facer. Porque rompe. O capítulo da Letra L é demoledor! A autora non deixa títere con cabeza, e iso serve para reflexionar sobre a soidade, a precariedade laboral, o paro, a desesperanza, a parella, o sexo, os sentimentos…
Un libro totalmente diferente e creo que único nas nosas letras, que ben cómpre ir abrindo camiños tan diferentes e tan lonxe do politicamente correcto. Se o abrides, tirade coas gafas e abride os ollos, porque vos sorprenderá.


A segunda vez quedamos nun hostal. A corrección viuse sorprendida pola innovación. Propúxome unha postura do Kamasutra algo imposible. Insistiu en que lle chuchase o tarabelo mentres practicabamos o Anxo da Neve. Volvín pagar eu: hostal e fisioterapeuta

Deixa un comentario!