Menu Xerais

Un libro verdadeiramente recomendable: «A batalla da pequena Chañan Curi Coca», de Rosa Aneiros. Crítica de Ramón Nicolás

O crítico Ramón Nicolás publicou en Caderno da crítica unha recensión sobre a novela infantil A batalla da pequena Chañan Curi Coca, de Rosa Aneiros, ilustrado por Almudena Aparicio Andión.

 

A batalla da pequena Chañan Curi Coca, de Rosa Aneiros

Celebro o reencontro con Rosa Aneiros a través desta que é, polo de agora, a súa última entrega literaria. A batalla da pequena Chañan Curi Coca, así pois, formula unha propostaque abraza un asunto de fondo calado social como é a vivencia dun desafiuzamento no seo dunha familia composta por dous irmáns e unha nai desempregada onde a referencia á avoa Elisabeth, ausente e dona dunha vida propia para materializar por ela mesma un vello soño, será o fío que funda a realidade coa esperanza. Unha esperanza depositada no lombo da pequena Noelia, a súa neta, a quen a avoa lle inculcara a paixón polas historias dos incas e a defensa que estes tiveron que facer dos seus modos de vida e dos territorios nos que vivían.

Nese paralelismo, establecido por inmanencia entre a perda e a destrución do dereito á vida no lugar que se habita, descansa boa parte desta historia na que salienta a forza coa que unha nena acredita nunha solución a un conflito, que é daquela unidade familiar mais non só, e que tardará en chegar para facelo dun xeito inesperado. Como é adoito na obra literaria de Aneiros non se desatenden aquí asuntos de relevancia cos que alimenta esta proposta narrativa como son o amor, a vivencia da soidade -en especial a das persoas de máis idade- ou o exercicio da solidariedade, presente en numerosas pasaxes deste libro.

Velaquí como Aneiros demostra que o imposible, se nel interveñen os ecos que se  desprenden da lectura e do pouso da imaxinación, pode chegar ás veces a converterse en posible. Non esquezo a fantástica lectura visual a cargo de Almudena Aparicio, sempre tan atenta aos mínimos detalles. Un libro verdadeiramente recomendable no ámbito da nosa literatura infantil e xuvenil.

Ramón Nicolás

Deixa un comentario!