Menu Xerais

Un personaxe entrañable, humor e prosa fluída: «Escaquis e Romeu», de Antonio Manuel Fraga. Recensión de Alba Piñeiro

Alba Piñeiro publicou no blog Versos e Aloumiños unha recensión sobre a novela infantil  Escaquis e Romeu, de Antonio Manuel Fraga, ilustrada por Jacobo Fernández Serrano.

 

«Escaquis e Romeu», de Antonio Manuel Fraga

Toda iniciativa que teña que ver coa promoción da lectura para os máis novos, sempre é de agradecer, pois significa apostar polo futuro máis inmediato do que eles formanparte. Escaquis e Romeu é unha historia que xurdiu por encargo para ser o fío condutor do Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra do 2017,baixo o lema:”O mundo que queremos”. O seu autor, o escritor e enxeñeiro técnico, Antonio Manuel Fraga ten ben claro o mundo que quere e así é quen de achegarlles aos lectores a partir de dez anos, esta fermosa e tenra historia que se vai converter en todo un alegato da bondade humana, non exenta de crítica social e reivindicación dun mundo máis xusto en todas as súas facetas tanto humanas coma animais e naturais.
Romeu é o seu protagonista, personaxe entrañable que cre no ser humano e cuxa profesión de barbeiro lle permite ser feliz ao gozar coas gandes-pequenas cousas da súa vida cotiá coma a conversa cos veciños ou lerlles ás plantas e así sentirse vivo, rodeado de vida de papel e vexetal e esquecer as chanzas dos que confuden a súa bondade co feito de ser parvo. Escaquis é un ser misterioso, un espírito que nace dos soños dos nenos, habita no “reverso-mundo”e ten un estraño poder: o de abrir as portas ao mundo dos desexos.
A súa estrutura en tres partes con cadanseu título e con cinco capítulos curtos cada unha, axuda a que o lector se familiarice coa historia e descubra no epílogo quen é a personaxe narradora, que ao longo de todo o libro lle fai continuas invitacións para que a acompañe na aventura lectora.
A través do emprego dunha prosa fluída, non exenta de humor, aparecen os personaxes caracterizados e de fácil recoñecemento para o lector que se introduce na historia onde vai descubrir que os prexuízos, o medo ao descoñecido e a xenofobia son sempre produto da ignorancia e que a amizade é tan poderosa que ata dá forzas para enfrontarse a calquera perigo.
As expresivas ilustracións de Jacobo Fernández Serrano están en sintonía co ton textual e amosan cos seus trazos unha tenra homenaxe a Agustín Fernández Paz por parte do autor e do ilustrador.

Deixa un comentario!