Menu Xerais

Un reloxo perfectamente cronometrado cunha resolución difícil de mellorar: «Fóra de si», de Suso de Toro. Crítica de Ramón Nicolás

O crítico Ramón Nicolás publicou en Caderno da crítica unha recensión sobre a novela Fóra de si, de Suso de Toro.

 

Fóra de si, de Suso de Toro

Tras algúns anos de silencio como narrador Suso de Toro volveu publicar, hai escasos meses,unha novela baixo o título de Fóra de si. A narrativa de Suso de Toro, quéirase recoñecer ou non, marca un antes e un despois na literatura galega contemporánea e este libro, entre outros valores que o rodean, vén confirmalo..

Ler este Fóra de si supón un reencontro cos esteos fundamentais que gobernan a produción narrativa do escritor compostelán como son o recurso á oralidade, considerada liña axial dun discurso onde as voces que falan son as que, por elas mesmas, revelan a súa propia personalidade: unha personalidade individualizada e sólida, marcada por acontecementos que cómpre situar no pasado e sobre todo, na memoria familiar: a ela interpélase unha e outra vez; ela é quen, ao mesmo tempo, agocha as claves argumentais que vai desvelando un neurociruxián, precisamente, “fóra de si” por razóns persoais e laborais. Un accidente que sofre cambiará a súa vida e, en boa parte, afectarán aos seus propios hábitos, abandonando así a cidade para ir vivir ao campo e carrexando, como unhas das consecuencias, o empredemento dun monólogo co seu pai, só interrompido por este últilmo unha única vez, que está ingresado nunha residencia e que será, á fin e ao cabo, un verdadeiro axuste de contas sobre a propia vida. Por outro lado, a transformación que se evidencia no protagonista ten, asemade, algo de resurrección persoal, de redención e de descuberta das posibilidades que pode ofrecer a vida e que contribuirá, de maneira salientable, a superar o seu propio conflito persoal.

A novela alicérzase, ao mesmo tempo, nunha estrutura fragmentaria debedora dunha concepción teatral e cinematográfica moi ben conseguida, onde a ausencia dunha voz narradora é un dos seus trazos distintivos e, ao meu ver, supón unha das claves para que a proposta narrativa funcione como un reloxo perfectamente cronometrado cunha resolución difícil de mellorar. Eu celebro e convido a que se lea e coñeza este reencontro coa palabra de Suso de Toro, co mellor Suso de Toro.

Ramón Nicolás

Deixa un comentario!