Menu Xerais

Un texto cargado de crítica social, con moito humor e retranca: «Fóra do normal», de María Reimóndez. Crítica de David González no blog Palabra de Gatsby

O blog Palabra de Gatsby publicou unha recensión de David González Domínguez sobre a novela xuvenil Fóra do normal, de María Reimóndez, ilustrada por Antonio Seijas. A obra recibiu o Premio Agustín Fernández Paz de Narrativa Infantil e Xuvenil pola Igualdade 2017.

Recensión: María Reimóndez, «Fóra do normal»

María Reimóndez regresa con forza á colección xuvenil de Xerais con Fóra do normal, obra que recibiu o Premio Agustín Fernández Paz de narrativa infantil e xuvenil pola igualdade na súa primeira edición. Coido que é unha boa noticia para a nosa literatura que o nome desta autora vincúlese, xa dunha maneira indiscutible, á do mestre Agustín, tanto polas características literarias comúns como pola loita de ambos por transmitir ó lectorado infantil e xuvenil importantes valores e convidalos a reflexionar sobre a sociedade na que viven.

Fóra do normal é unha novela que presenta dende un punto de vista introspectivo a necesidade de André de autodefinirse mentres convive cos prexuízos e canóns estético-morais da sociedade. A adolescencia é unha época moi complicada e máis aínda cando se vive un conflito entre corpo e identidade. André, polo tanto, busca nas figuras dos superheroes un refuxio e tamén a coraxe que precisa para combater eses prexuizos. É interesante sinalar que en función do desenvolvemento de André na novela, os referentes heroicos escollidos tamén se modifican.

As personaxes secundarias desta novela aportan as súas problemáticas e fan moito máis interesante o realista panorama social que a novela pretende representar. Mucha e as novas relacións de André amosan un montón de realidades que normalmente non teñen tanta visibilidade na literatura e que merecen a atención dos lectores.

Polo tanto, esta novela presenta unha reflexión sobre o concepto de normalidade que hai que ter moi en conta. A normalidade non é máis que outro tabú social relacionado directamente coas imposicións da sociedade heteropatriarcal. Iso fai que autodefinición sexa un proceso complexo tanto pola presión do noso entorno como pola propia. Debemos comprender que a verdadeira normalidade reside en aceptarse a un tal e como é sen que a opinión de ninguén sexa pertinente.

En conclusión, Fóra do normal é unha novela que critica a nosa sociedade desde o punto de vista dunha persoa que mantén unha loita interna consigo mesma e tamén co seu entorno. Un texto cargado de crítica social, con moito humor e retranca e cunha historia entretida e ben construída.

David González Domínguez

Deixa un comentario!