Menu Xerais

Unha aventura sobre o amor, os sentimentos, a importancia de loitar pola liberdade e a amizade: «A balada dos unicornios», de Ledicia Costas. Crítica de David González no blog Palabra de Gatsby

O blog Palabra de Gatsby publicou unha recensión de David González Domínguez sobre o libro: A balada dos unicornios, de Ledicia Costas, ilustrado por Mónica Armiño. O libro recibiu o Premio Lazarillo 2017, e está editado por Xerais na colección infantil e xuvenil Camaleón.

Recensión: Ledicia Costas, «A balada dos unicornios»

 

Despois dunha primeira e satisfactoria introdución no subxénero do Steam Punk para un público infantil con A señorita Bubble, Ledicia Costas publica esta nova novela para o público xuvenil no que da un paso de xigante na construción dunha fantasía digna dun subxénero que nace da man de Verne, Wells, Shelley e que se consolida actualmente con escritores como China Mieville, Leigh Bardugo ou o cineasta Hayao Miyazaki.

A balada dos unicornios é unha novela que reproduce un mundo perfectamente detallado no visual. O ambiente victoriano, a fascinación pola máquina mesma e como elemento integrable no humano, os máis peculiares medios de transporte, as vestimentas e os inventos descríbense no texto cunha intensidade e detalle que o propio lector é capaz, sen moito esforzo, de imaxinalos. Ademais temos as excelentes ilustracións de Mónica Armiño que axudan en moitos casos a plastificar o mundo que Ledicia crea.

Con respecto a trama da novela, temos que sinalar que a novela carece dunha introdución clásica e é trepidante dende o inicio. Unha novela de aventuras na que somos nós quen construímos as nosas valoracións sobre feitos e personaxes co paso das páxinas. Coido que esta trama está chea de homenaxes a distintas ficcións literarias e audiovisuais e incluso figuras históricas con nome e apelidos. Penso que é de valorar a capacidade de autora de combinar tantos e tan peculiares aspectos e facelos seus na novela.

Respecto ó estilo temos unha novela moi ben construída e cunhas descricións que son capaces de producir no lector todo tipo de sentimentos. Os momentos máis violentos resultan moitas veces complicados de dixerir pero combínanse con outros cómicos e mesmo algúns de carácter reflexivo. Penso que isto non é unha sorpresa no caso das novelas da autora viguesa.

Como aspecto negativo unicamente sinalo que a construción do mundo de maneira visual é fantástica, mais boto un pouco de menos un trato máis profundo do aspecto territorial e organizativo. É complicado introducir estes aspectos máis políticos e sociais nas novelas de aventuras sen que sexan indixeribles, mais penso que farían o mundo aínda moito máis interesante. Un mapa territorial ou unha árbore xenealóxica serían un “parche” aceptable.

En resumo, Ledicia Costas escribe unha historia á altura das expectativas dos seus lectores. Unha aventura chea de reflexións sobre o amor, os sentimentos, a importancia de loitar pola liberdade e a amizade. Unha novela que non por casualidade recibiu o Premio Lazarillo.

David González Domínguez

Deixa un comentario!