Menu Xerais

Unha homenaxe ás xentes do mar de Darbo e Cangas: «O neno mariñeiro», de Bernardino Graña. Crítica de Emilio Xosé Ínsua

Emilio Xosé Ínsua publica no seu blog unha anotación sobre O neno mariñeiro, de Bernardino Graña.

 

O NENO MARIÑEIRO, de Bernardino Graña

Narrada en primeira persoa polo neno protagonista Elías, en quen non é difícil atopar moitas concomitancias co propio autor, esta novela de Bernardino Graña (Cangas, 1932) é unha homenaxe ás xentes do mar de Darbo e Cangas e un exercicio de memoria persoal tenro, por veces conmovedor, con boas doses de confidencia iniciática, na liña doutros volumes anteriores seus como os titulados Fins do mundo (Brais Pinto, 1974) e Medre o mar! (Edicións Morgante, 2013).
Ao estar ambientada na inmediata posguerra, nun tempo caracterizado polo medo e por diversas miserias, a obra que comentamos, repartida en trinta capítulos que poden lerse tamén como breves relatos con sentido de seu, adquire por momentos tinturas de testemuño histórico e emparéntase así, en boa medida, coas Memorias dun neno labrego coas que Xosé Neira Vilas soubo retratar de xeito maxistral esa mesma época da nosa historia colectiva, centrada no seu caso nunha aldea do rural galego.
Se algunha pexa puidésemos poñer a esta nova entrega do admirado poeta de libros como Profecía do mar, Non vexo Vigo nin Cangas, Se o noso amor e os peixes…, Himno verde e Acendede as almenaras, residiría na relativa indefinición que se deixa intuír en certas pasaxes da obra, pensamos, a respecto da índole do lector destinatario, pois por veces os xeitos do relato parecerían agardar máis que nada a ollada dun lector ou lectora infanto-xuvenil, cando o certo é que aparece nunha colección narrativa para lectores adultos, se damos por válidas estas etiquetas.
En calquera caso, o celme desta novela resulta en todo intre gorentoso e a lingua empregada, como non podía ser menos, ten toda a frescura e autenticidade dun clásico vivo das nosas letras.

Emilio Xosé Ínsua

Deixa un comentario!