Menu Xerais

Unha novela dura, tráxica, pero necesaria para lembrarnos que debemos ficar alerta ante os abusos dos poderosos e dos fanáticos: «Lapis na noite», de Ramón Nicolás. Crítica de Manrique Fernández

O blog O meu andel publicou unha recensión crítica de Manrique Fernández sobre a novela Lapis na noite, de Ramón Nicolás.

Ramón Nicolás, «Lapis na noite»

Ramón Nicolás, un dos nosos críticos literarios máis destacados, lánzase de novo ao outro lado e publica a súa segunda novela logo do éxito acadado con “O espello do mundo”. O autor leva ás costas un bo fardel de lecturas e de análises pormenorizadas das mesmas, o que lle aporta un feixe de recursos estilísticos incontestables, e iso sempre é unha vantaxe á hora de enfrontarse a unha trama tan difícil coma esta.

“Lápis na noite” é, no fondo, un relato familiar que transcende ese ámbito: unha autora galega desprázase á Arxentina para asistir a unha serie de actos oficiais, e aproveita a viaxe para pescudar un pouco na figura dun seu tío Ramiro, desaparecido moitos anos atrás fuxindo da persecución franquista. O que ela descoñecía era que a historia volvería a repetirse anos despois nun entorno similar ao que o seu tío abandonou, coa dictadura cívico-militar de Videla como telón de fondo e coa filla de Ramiro, Iria, como principal centro de atención do relato.

Establécese deste xeito un paralelismo entre ambas situacións, nas que a intransixencia e o revanchismo sustentan o poder de réximes autoritarios preocupados pola súa propia supervivencia e pola sumisión absoluta dos desafectos. Terrorismo de Estado que aconteceu nos anos 40 en España, e que volve a suceder nos 70 na Arxentina, vinculando ambas situacións a través dun mesmo protagonista.

A novela desenvólvese a partir dun cartafol gardado pola dona de Ramiro no que este, obrigado a rachar todo vínculo familiar coa súa fuxida, pretende explicar ao seu irmán as razóns da súa marcha imprevista e o todo o acontecido con posterioridade. Compleméntase o relato de Ramiro cunha serie de capítulos narrados en terceira persoa nos que se explican algúns dos acontecementos protagonizados por Iria, a súa filla, tanto antes da súa detención como o que lle aconteceu durante o seu secuestro.

O relato, perfectamente documentado, é case unha crónica xornalística dalgúns dos acontecementos que derivaron na dictadura militar (nomeadamente a “Noite dos lapis”, na que se detivo a unha chea de estudantes e á que o autor fai referencia dende o título), e a reacción do réxime contra unha xuventude combativa e enchida de esperanza, personificada en Iria, filla de Ramiro, e nos seus compañeiros.

Estamos, xa que logo, diante dunha novela dura, tráxica, pero atreveríame a dicir que necesaria para lembrarnos que debemos ficar alerta perante os abusos dos poderosos e dos fanáticos.

Un ritmo que atrapa e unha linguaxe clara e directa, son outros dos elementos que definen este novo traballo de Ramón Nicolás que, de seguro, faranos reflexionar sobre acontecementos pasados, pero tamén sobre o noso presente máis inmediato e as viravoltas a que nos pode levar a pasividade dunha sociedade adormecida.

Deixa un comentario!