Menu Xerais

Unha novela imprescindible para comprender a narrativa galega dos anos 90. «Tic Tac», de Suso de Toro. Anotación en Letra en Obras

O blog Letra en Obras publicou unha anotación sobre a novela Tic Tac, de Suso de Toro, con motivo de cumprirse, neste 2018, 25 anos da súa chegada ás librarías.

 

Tic Tac, de Suso de Toro


Basilio Losada, daquela catedrático de Filoloxía Románica na Universidade de Barcelona, mandou parar máquinas para anunciar que saía da imprenta “a novela máis revolucionaria, máis ambiciosa, máis intelixente de cantas en Galicia se levan feito nestas últimas décadas, e poida que a máis impresionante escita nunca na nosa lingua”. Corría o ano 1993 e a novela que chegaba ás librarías de todo o país non era outra que ‘Tic-Tac’, de Suso de Toro.

O propio autor, xa daquela un dos máis destacados da súa xeración, afirmaba diante dos medios que era a novela “coa que soñara toda a vida. Como se fose o meu Ulises (…). Ao mellor, a partir de agora, xa non teño máis que contar”. Aquela novela, imprescindible para comprender a narrativa galega dos anos 90, foi moi aplaudida pola crítica. Porén, Suso de Toro xa marcara a década anterior cunha novela sobresaínte como é Polaroid, hoxe un clásico da nosa literatura.

Neste 2018 cúmprense 25 anos da chegada de ‘Tic-Tac’ ás librarías, e dende Letra en Obras queremos lembralo cunhas liñas daquela novela:

“Eu quería que me mirase, doutora. Para ver se estou limpa, doutora. Que o meu home anda cunha porca, doutora, e logo vén para xunta miña, doutora, e non quero eu. Que eu son limpa e teño medo de coller unha enfermidade, doutora, que o meu home é moi porco. Por iso quero que me mire doutora, e non quería agora coller calquera cousa, doutora, que o meu home vén onda min despois de andar con esa porca. E eu non son unha porca, doutora, e teño medo de coller calquera cousa. Que un home vai con calquera, doutora, ata vai cunha porca, que a unha persoa lle dá noxo. Que cando lle boto de comer dá noxo vela, doutora, de que maneira come, doutora, cunha ansia que pon medo. Que se cadra é esa ansia o que lle gusta dela ao meu home, doutora, cando a sinto a ela berrando daquela maneira, doutora, acórdame o día que pariu e logo comeu os ranchiños todos, doutora. Que pon medo a ansia que ten, doutora, que mesmo devorou os seu bacoriños, doutora. E cando a sinto berrar co meu home no cortello, doutora, pois penso nos bacoriños. E quería que me mirase, doutora, por ver se estou limpa, doutora. Que aínda teño medo que me pegue esa ansia ou outra cousa, doutora. Ande, míreme”

Deixa un comentario!