Menu Xerais

«Unha obra con vontade de converterse nun verdadeiro manual da viguesidade.» Artigo de Manuel Bragado sobre «Historias de Vigo», de Jorge Lamas

Manuel Bragado publicou no blog Brétemas o seu artigo do xornal Faro de Vigo sobre Historias de Vigo, de Jorge Lamas.

 

Historias de Vigo

 

Nestas páxinas témonos laiado do carácter desmemoriado de Vigo, unha cidade que semella ter escasa historia, apenas dous séculos trepidantes nos que aquela viliña de mariñeiros do Berbés se transformou por aluvión na punxente cidade portuaria e industrial que hoxe coñecemos. Porén e por ventura, esta visión simplista da historia viguesa está sendo desmontada grazas ás investigacións dunha nova xeración de arqueólogos e historiadores, como ao traballo dun fato de divulgadores entusiastas, boa parte deles membros do Instituto de Estudios Vigueses, que demostran o carácter milenario dunha comunidade asentada dende hai douscentos mil anos na beira da ría de Vigo ao abrigo do vizoso Val do Fragoso. Unha batalla contra o esquecemento e a desmemoria na que cada vez participa con máis interese a cidadanía, como demostra o éxito das actividades e dalgunhas publicacións deste carácter como os itinerarios históricos polo Vigo Vello do escritor Pedro Feijoo que coma se se tratase do frautista de Hamelin conduciu a centos de persoas, convocadas por Facebook, durante a fin de semana pasada.Nesta angueira de demostrar que Vigo ten tanta historia como calquera das outras cidades galegas ou portos atlánticos, nesta causa de contribuír a curar a amnesia histórica que padecemos moito teñen contribuído os artigos publicados na prensa viguesa polos cronistas da cidade Avelino Rodríguez Elías, José Espinosa Rodríguez, Xosé María Álvarez Blázquez, Lalo Vázquez Gil ou polo actual Ceferino de Blas; mais tamén por xornalistas comprometidos coa memoria de Vigo como Manuel de la Fuente, Gerardo González Martín, Xosé Armesto Faginas, Javier Mosquera, Francisco Pablos, Eduardo Rolland ou Jorge Lamas, ou por escritores como Xosé Luís Méndez Ferrín, arquitectos como Xaime Garrido e José Martín Curty, profesores como Pedro Díaz ou Xosé Ramón Iglesias Veiga ou escritoras como María Xosé Queizán, entre outras firmas. Textos xornalísticos que semana e semana foron construíndo un novo relato cuxo argumento ten como fío condutor o carácter cosmopolita dunha cidade con fondas raíces na época castrexa e civilización romana, porto atlántico onde se libraron algunhas das batallas máis decisivas para a historia europea, ao tempo que se foi convertendo no motor de tracción necesario do proxecto de convivencia galego.

Con semellante intención, o xornalista vigués Jorge Lamas, responsable da sección «Eran otros tiempos» da edición viguesa de «La Voz de Galicia» e do blog «Del Berbés hacia arriba», acaba de publicar o libro «Historias de Vigo» (Xerais 2018), volume de 376 páxinas con vontade de converterse nese manual de viguesidade tan necesario para dar resposta ás preguntas máis habituais sobre unha cidade con moita historia, mais con moitas historias aínda descoñecidas. Un libro escrito con vontade de estilo e afán didáctico e divulgativo que con moito acerto comeza aclarando as razóns da escolla de símbolos e referentes do imaxinario vigués, dende a propia denominación da cidade e da icona da súa oliveira (expresión histórica do seu carácter liberal, tamén rebelde), pasando polos triángulos brancos e vermellos da súa bandeira, dalgúns dos seus alcuños literarios («Oliveira» ou «Xouba city»), até a súa patroa ou o nome e o vestiario celeste do noso primeiro club de fútbol. Unha obra con vontade enciclopédica que non esquece botar unha ollada de grande angular sobre o territorio vigués que bautiza como «cidade dos nove outeiros» (ao xeito dos sete cotarelos romanos) estendida sobre 24 parroquias nunha ría que conta cunha liña de navegación de 33 km, mais que retrocede de forma inexorable recheada dende hai máis dun século.

Un libro que non esquece retratar a personaxes e colectivos destacados na historia viguesa, dende os poetas Martín Códax e Vesteiro Torres até aquelas folguistas das empacadoras do Berbés (1919) e da conserva do Areal (1931), pioneiras dunha proeza onde aparecen aínda poucos nomes de muller que, sen dúbida, deben ser incorporadas ao relato colectivo. No entanto, a cerna da magnífica obra de Lamas atopámola nas historias de Vigo, unha escolla dos episodios máis significativos de cada período histórico, como a dos carteiros alemáns e ingleses, fotografados por Pacheco no seu estudio de Príncipe, días antes que se enfrontasen na primeira guerra mundial. Textos breves, moi coidados, ordenados de forma diacrónica, que enfían o relato dunha completa historia de Vigo, onde o autor bota man dos recursos dos diversos xéneros xornalísticos, como a entrevista e a crónica, coa intención de engaiolar ao lectorado. «Historias de Vigo» demostra que non existe historia local, cando falamos da historia de Vigo falamos da historia universal. Un libro dos imprescindibles, moi recomendable.

Manuel Bragado

Comentarios pechados