Menu Xerais

Unha obra que a miúdo sorprende, proe e desmitifica: «Vivir a galope», de María Xosé Queizán. Anotación en Letra en Obras

O blog Letra en Obras publicou unha anotación sobre o libro: Vivir a galope, de María Xosé Queizán.

 

Vivir a galope, de María Xosé Queizán


Un vento repentino abaneou o bosque literario galego e fixo caer unha boa chea de follas. A razón é que este outono trouxo canda si unha voluminosa alfaia (800 páxinas) nada frecuente na nosa literatura que non se prodiga en autobiografías e moito menos nas escritas sen ningún tipo de edulcorante. Explicábao moi graficamente o xornalista e escritor Santiago Jaureguizar no suplemento Táboa Redonda: “Nunca sospeitara que este spa que é a cultura galega dese para un relato de sexo, política, fama e morte. Os 500 días e 19 noites contados por María Xosé Queizán en Vivir a galope son unha animada feira das vaidades”.

Pero alén de feiras de vaidades, Vivir a galope, de María Xosé Queizán, é un libro de vida e, como non podía ser doutro xeito, polas súas páxinas desfilan días doces e ácidos, mans amigas e traidoras, xenerosidades e mesquindades, verdades e imposturas, o amor e a difamación… a política, a familia, o sexo (a liberdade e o acoso), a cultura galega vivida dende dentro (glorias e miserias con nomes e apelidos), as notables diferenzas entre as persoas e os personaxes… E todo cun pano de fondo que chega ata os nosos días: a posguerra, a inacabable ditadura, o movemento nacionalista, a transición, a construción da autonomía, o feminismo, a loita polos dereitos do colectivo LGTB…

A obra que publica Edicións Xerais ten ademais o valor de que está escrito por unha autora cunha traxectoria literaria extraordinaria, testemuña privilexiada na primeira liña da cultura galega dos últimos sesenta anos. No limiar do libro a autora deixa claro o por que dun libro que foxe dos panos quentes e apela á sinceridade: “Por que escribo sobre min? Ha ser polo mesmo motivo que actúo, que falo, que me dedico ao oficio de escribir, por unha conciencia de ser un elo na calceta universal e estar obrigada, si obrigada, a actuar para non interromper o labor”.

Sen dúbida, Vivir a galope é un dos libros máis destacados deste 2018 que xa escorre polos calendarios. Unha obra que a miúdo sorprende, proe e desmitifica. Non é outra cousa (nada menos) que o relato (propio) dunha vida.

Deixa un comentario!