Menu Xerais

Unha proposta moi entretida para o público infantil e interesante respecto aos valores que presenta: «Mamá, quero ser Ziggy Stardust», de Iria Misa. Crítica no blog Palabra de Gatsby

O blog Palabra de Gatsby publicou unha recensión de David González Domínguez sobre o libro: Mamá, quero ser Ziggy Stardust, de Iria Misa, ilustrado por Alba Barreiro. O libro está publicado por Xerais na colección infantil e xuvenil Sopa de Libros.

 

‘Recensión: Iria Misa, «Mamá, quero ser Ziggy Stardust»


Iria Misa da outro paso máis para establecerse como unha das autoras máis interesantes da nosa LIX con Mamá, quero ser Ziggy Stardust (Xerais, 2018), unha novela coa que foi finalista do Premio Agustín Fernández Paz pola igualdade na súa primeira edición. Unha proposta moi entretida para o público infantil así como interesante respecto ós valores que presenta.

Gústame falar desta novela como unha “novela de violencias”, algunhas son simplemente sistemáticas e que parten da estrutura patriarcal e da vida en sociedade; mais outras son as violencias autoinflixidas polo propio individuo e xorden da imposibilidade dunha autodefinición. Aine nesta novela vive nunha continúa batalla e na que é moi complicado atopar aliados, mais cando consigue recoñecerse así mesmo, comezará outra nova batalla da que seguro que será o gañador.

Respecto a narrativa da obra, o máis interesante é a introdución de Thomas como narrador da obra e un vínculo entre lector e Aline. Unha terceira persoa física, mais incorpórea, que distanciase da súa propia humanidade e xoga en termos de estrañamento, cousa que acae moi ben a problemática de Aline e por iso constitúe unha prolongación máis dun eu que non se autorecoñece nunha configuración socialmente imposta.

Coido que este tipo de novelas son as que deben ser lectura obrigatoria nas escolas galegas. Historias entretidas, escritas por e para un público complexo e curioso que necesita coñecer todas as realidades, e que expresan as inxustizas sociais con aquilo que é diferente dende un punto de vista sinxelo de comprender para a rapazada. Sen dúbida, unha das historias mellor construídas de Iria Misa.

Deixa un comentario!