Menu Xerais

Xurxo Souto: «Fronte ao mar somos o mesmo, a un barco dálle igual atracar na Coruña que en Vigo» Entrevista no xornal «El Ideal Gallego» sobre «A gran travesía de Chiruca Macallás»

O xornal El Ideal Gallego publicou unha entrevista de M.G.M. ao músico e escritor Xurxo Souto sobre o seu libro: A gran travesía de Chiruca Macallás (Imaxe: Quintana – El Ideal Gallego).

XURXO SOUTO, MÚSICO E ESCRITOR:

“Se nos recoñecésemos como dúas partes do mesmo elemento poderíamos conseguir que o corredor atlántico chegase a Galicia”

Para Xurxo Souto presentar un libro é a cousa máis bonita do mundo. O escritor atópase agora subindo e baixando a AP-9 porque A gran travesía de Chiruca Macallás (Xerais) unifica A Coruña e Vigo nun todo que respira dos arcos do Berbés.

Para Xurxo Souto presentar un libro é a cousa máis bonita do mundo. O escritor atópase agora subindo e baixando a AP-9 porque A gran travesía de Chiruca Macallás (Xerais) unifica A Coruña e Vigo nun todo que respira dos arcos do Berbés, ten galerías e illas a doquier, Sisargas e Cíes nunha mesma retícula, tanto que se tocan porque o que non é normal é que as dúas cidades con máis poboación de Galicia “non colaboren e non teñan relacións institucionais”. “Fronte ao mar somos o mesmo, a un barco dálle igual atracar na Coruña que en Vigo” e de estar xuntas de verdade, di Souto, “seríamos unha potencia”.

Conta que un amigo seu, o arquitecto Pablo Gallego, estende dous mapas o primeiro día de clase. Un é de Galicia e o segundo, é de Tokio e a súa área de influencia. Miden o mesmo, 200 kilómetros de norte a sur, “o que en Tokio se percorre cun billete, aquí supón unha sucesión terrible de peaxes”.

A incomunicación é, para o artista, un negocio cando unha rapaza de Teis e un de Monte Alto teñen o mesmo perfil, “somos fillos e netos dunha familia que veu da aldea á cidade”, pero a realidade é que en Labañou non saben onde queda Coia e ao revés, “se nos recoñecésemos como dúas partes do mesmo elemento poderíamos conseguir que o corredor atlántico chegase a Galicia”.

En Oporto esto é unha prioridade nacional. Outro dato é que hai un ano se tendeu un cable submariño de Estados Unidos a Europa como vía de comunicación directa, pero curiosamente non chega a Fisterra. Vai directo a Bilbao e para que Galicia deixe de ser periferia da periferia, Souto escribe un relato sobre un lugar común polos sons do mar. Son estrofas dunha mesma canción á que lle chama As Arneiras, en alusión a ese pequeno molusco con pinta de lapa.

Do seu porto, parte Chiruca Macallás, patrona de pesca, porque esta historia é de mar e tamén de mulleres e leva ao lector até unha pedra perdida entre Escocia e Islandia, “parecida á Marola”, onde o personaxe escoita cantar a una serea que non ten guedellas loiras. É negra, Mami watá, a mesma madre auga que veneran en América e que neste caso, Souto recolle dos senegaleses que viven no país, 6.000 no caso de Agra do Orzán, e que adoitan a ser invisibles para o resto. Xurxo pon a ferver todo no pote. Os mitos, o misterio das brétemas e a elas e o resultado é un conto “vigocoruñento” ao que non lle falta revindicación.

M.G.M.

Deixa un comentario!