Menu Xerais

A plataforma de crítica A Sega homenaxea a Xela Arias. Noticia no «Praza Pública»

O xornal Praza Pública publicou unha noticia sobre a homenaxe a Xela Arias, organizada pola plataforma de crítica A Sega, que se celebrou no Parque do Castro de Vigo o día 15 de agosto de 2019. (Imaxe: Xulio Gil – Praza Pública).

Nos anos 2014 e 2015 estivo entre as candidatas ao Día das Letras Galegas, pero non foi a escollida. Este vindeiro xoves día 15 Xela Arias será homenaxeada no Día das Galegas nas Letras, a celebración que dende o ano 2014 recoñece as achegas á cultura galega de autoras como Dorothé SchubarthMaría Victoria MorenoMaría Xosé QueizánPatricia Janeiro ou Marica Campo
A plataforma de crítica A Sega impulsa un ano máis esta festa das letras, que nesta ocasión terá lugar no Parque do Castro de Vigo, na pista de educación vial do lugar. As actividades comezarán ás 12 horas cun roteiro pola vida de Xela Arias guiado por Susana Aríns. A seguir lerase o manifesto desta edición do Día das Galegas nas Letras, que dará paso a unha sesión vermú amenizada por ‘Dúas gamberras e un micro’.

Tralo xantar popular, sucederanse os recitais poéticos e actuacións musicais a cargo de Arancha Nogueira e Sanny, Cristal Méndez Queizán, Pandereteiras de Verducido, Alba María e Queco, Silvia Penas e Laura LaMontagne e Mai.

Xela Arias (Sarria, 1962) finou en Vigo no ano 2003. A pesar da curta idade na que se produciu o seu falecemento, deixou poemarios da importancia de ‘Tigres coma cabalos’, ‘Denuncia do equilibrio’, ‘Intempériome’ e ‘Darío a diario’, recollidos o pasado ano no volume ‘Poesía reunida’ (Xerais), editado por Chus Nogueira. “Oxalá esta ‘Poesía reunida’ contribúa ao recoñecemento e, sobre todo, á difusión da súa obra con independencia de que un día sexa a figura homenaxeada das nosas Letras”, sinalaba Nogueira no momento da publicación.

Nogueira incidía tamén en que ”Xela Arias constituíu un modelo para novas escritoras e escritores”,subliñando o peso crecente que a súa figura e obras ten nas novas xeracións. A homenaxe deste xoves unirase a outras que foi recibindo, entre as que destaca a impulsada pola Asociación Galega de Editores, a Asociación de Tradutores Galegos e a Asociación de Escritores en Lingua Galega, así coma a publicación do libro colectivo ‘Xela Arias, quedas en nós’, coordinado polo pai da poeta, Valentín Arias.

Arias foi tamén moi recoñecida como tradutora, recibindo varios premios de tradución: o da Sociedade da Língua Portuguesa, o Ramón Cabanillas e o Plácido Castro. Así mesmo, en 2018 a Asociación Galega de Profesionais da Tradución e da Interpretación creou o Premio Xela Arias, que recoñece o seu labor neste campo.

Nos últimos meses A Sega fixo un convite aberto para que quen o desexase enviase un vídeo, dun minuto como máximo, recitando algún dos poemas de Xela Arias “para (re)descubrila e (re)coñecela”. Foron varias as autoras que o fixeron e na web da plataforma de crítica poden verse as achegas de Eli Ríos, Vanessa Glemsel, Víctor Pérez, Emma Fernández Nogueira, Arancha Nogueira, Emma Pedreira, Beatriz Maceda ou Mónica do Piñeiro.

Tamén Rosa Enríquez fixo un achegamento á súa figura, destacando que “Xela é, foi e será, unha desas voces poderosas, xenuínas e indiscutíbeis da mellor poesía galega dos últimos trinta anos”. “Con esta capacidade de se deixar envolver polo descoñecido e aceptar perderse, Xela conseguiu a excelencia expresiva para denunciar o equilibrio, a orde social que esmaga a xente cada día. Fíxoo co mellor da frescura dunha adolescente e do coñecemento adulto de quen se atreve reflexionar por si mesma, sen obviar o instinto, a intuición e certa inxenuidade”, sinala Enríquez.


Deixa un comentario!