Menu Xerais

Alta literatura para lectores esixentes: « Elefante», de Manuel Darriba. Anotación de Xesús González no blog «Biosbardia»

Biosbardia publicou unha recensión crítica de Xesús González Gómez sobre o libro: Elefante, de Manuel Darriba. O libro está publicado por Xerais na colección Narrativa

 

‘Elefante’, alta literatura para lectores esixentes


Envíanme o libro de Manuel Darriba (Xerais, 2018) Elefante. De Darriba só lin A velada do billarista hai xa anos, e como non teño o libro no meu poder, non lembro de que ía; nin mesmo lembro se me gustara. Entro, xa que logo, nesta nova obra como se entrase no primeiro libro editado por Darriba, o que non é certo, claro.

Elefante consta, ao meu modo de ver, de dúas novelas curtas ou noveletas (Elefante e Os urot’oki) e catro relatos (Pel de serpeO viaxeiroA selvaAutovía). De momento esquecerei, neste comentario, os «relatos» para falar das noveletas, sobre todo da que dá título ao volume.

Elefante, cunha trama mínima mais ben axustada, mantendo a tensión argumental, afinando a xusteza lingüística, creando e relacionando os personaxes con mestría, tamén é un exercicio de grande ambición literaria, de alta reflexión intelectual, que lle esixe moito ao lector, e ao que se lle compensa co que se lle promete. Darriba non dá respiro ao lector, acumulando frases sentenciosas (ás veces irónicas na súa propia sentenza) e que afondan na mirada dos personaxes. Tamén hai que saudar a habilidade da súa riqueza de pensamento sobre a vida, sobre o útil e o inútil, sobre o poder e o artista, sobre na arte e a literatura. Acumulación e habilidade que convidan (máis ben reclaman) á relectura. Porque Elefante demanda unha lectura paciente, xa que está chea de ideas e sobresaturada de intelixencia, porque o seu autor deseñou unha ficción especulativa que non admite o descanso dos puntos mortos ou as transicións entre un paso significativo e o seguinte, como se cada escena fose necesariamente esencial aínda que a lóxica narrativa non o reclame.

A noveleta, ademais, é unha homenaxe á literatura, de Sebald a Augusto Monterroso e outros máis. K. Sebald («[…] apenas se manexaba na linguaxe coloquial; as súas frases eran sempre metáforas ou símiles) é o xefe –o director– do xornalista que vai a Sirga («A paisaxe gris e antano industrial da comarca quedara borrada, convertida nun plano difícil de ler») a informar dunha construción («unha torre de aceiro de trazado cónico, con diámetro descendente a medida que gañaba altura», de nome oficial «O Edificio en Si» e que os habitantes da cidade bautizaron como Elefante). Construción que, ademais de «devorar a corrente do tempo», converte ao poder en artista, cuestiona a idea de autoría, e seguindo a Nuccio Ordine, afianza a utilidade do inútil. A partir da chegada a Sirga,  a noveleta convértese nunha meditación sobre as paisaxes post-industriais, sobre a economía do consumo («a vida comercial parecía a única posible»), sobre o poder como artista, sobre o real como imaxinario dos pobos, sobre o moderno e o posmoderno, sobre o tempo, sobe o pasado e o futuro, etc., mais, sobre todo, sobre o que Ciryl Conolly denominaría o cerre definitivo dos xardíns de Europa («pensou que o ser europeo se funda na melancolía», «A tensión interior-exterior constitúe a alma europea, pensou». Para acabarmos, unha noveleta coa que seu autor conseguiu concretizar o que Walter Benjamin (cuxa sombra está presente) demandaba a unha obra de prosa: «O traballo nunha boa prosa ten tres chanzos: un musical, onde é composta; un arquitectónico: onde e construída e, por último, un téxtil onde é tecida» («Coidado cos chanzos!», Rúa de sentido único). Esta noveleta dá para falar moito, máis: a repetición verbo «pensar» (na terceira persoa do singular do pretérito perfecto), que é como un elo que une todos os capítulos ou «escenas», etc.

Para rematarmos, unha noveleta que semella cumprir as expectativas dun dos personaxes da novela de Jón Kallman Stefànsoon, La tristeza de los ángeles (Salamandra, 2016, tradución castelá, excelente, de Elías Portela): «Para que serve a literatura se non ten o poder de cambiar o destino? Hai libros que son entretidos pero que non removen nada nas persoas. Logo existen outros que te fan dubidar, que te dan esperanzas, que amplían o teu mundo e te ensinan o que é a vertixe. Certos libros son esenciais, outros só un divertimento».

Se en Elefante Manuel Darriba dá a entender, entre outras cosas, que o real pode ser o imaxinario dos pobos, en Os urot’oki, a segunda noveleta de que falabamos, pon sobre o tapete o famoso problema da oralidade, entre outros moitos, xa que, acho, esta «peza» é unha alegoría cuxo sentido se vai «descifrando» a medida que avanza a narración, en primeira persoa. En primeira instancia, a narración pode semellar algo así como unha viaxe a un país recentemente descuberto, o país dos urot’oki. «Debido en gran parte ao illamento, que ata hai pouco era absoluto, os urot’oki chegaron ao presente como exemplo de humanidade primixenia.» Mais os contactos co exterior, o comercio, a internet realizaron grandes mudanzas, ben que «o edificio cultural endémico, que para moitos remite a un arquetipo puro, persiste nos trazos básicos moi minguados, case sempre en vías de extinción, pero aínda visible.» «A hexemonía histórica da expresión oral determinou unha presenza mínima do libro na cultura vernácula». A estima pola lingua, e todo urot’oki «se interesa pola lingua dun xeito máis ou menos consciente» «conduce a situar a palabra impresa no plano do frívolo». No país existen núcleos de poboacións «arredistas» que están contra a situación actual e contra os cambios. Debido aos cambios, tamén se nota a presenza dunha forte inmigración, etc, O máis famoso lingüista do país, que se converterá en líder político, é Igor Loti, que nunca escribiu nada sobre as súas investigacións: coñécense polos artigos doutros autores. Para Loti a lingua urot’oki mantén a «concordancia entre signo e realidade»; é dicir, a diferenza doutras linguas, a urot’oki non «funciona como produtora de máscaras». E  é así pola oralidade. A oralidade, di Loti, é unha ponte para o futuro. A oralidade, finalmente, é a pureza, a identidade, etc.; no fondo, a narración é unha alegoría de como aquilo que se pode considerar consubstancial ao ser humano pode conducir (conduce necesariamente) ao fascismo. O rexeitamento da escrita a favor da oralidade é vello, vén de Platón: en Fedro, o filósofo grego afírmao categoricamente: a escrita é culpábel da perda social da memoria colectiva, do patrimonio cultural herdado da antigüidade. En verdade, como demostrou a historia da humanidade, a escrita non traizoa a memoria nin o herdo cultural, senón que completa a oralidade: acábaa.

Os urot’oki, como dixemos, é unha alegoría: mediante a celebración case que absoluta do primitivismo, mediante a loanza e a procura da pureza, mediante  unha saturación do pasado sen que houbese redención (como dicía Benjamin, «só á humanidade redimida correspóndelle saciarse do seu pasado»), como se di ao final, «o país máis tranquilo do mundo, o máis envexado, arríscase a caer nas poutas do fascismo»: unha alegoría ou unha profecía, en todo caso, unha ollada sobre os mecanismos do novo fascismo.

Veñen logo catro relatos que, para min, non teñen a calidade nin o interese destas dúas noveletas. É máis, dá a impresión de que foron escritos antes destas narracións e neles, acho, a pegada dun Carver, no que respecta ao que denominariamos forma ou expresión, é evidente. Pegada que desaparece tanto en Elefante como en Os urot’oki, narracións, noveletas nas que Darriba dá o mellor de si mesmo e non lle entrega o cocido mastigado ao lector. Ao contrario, abandona ao lector no lugar en que debe ser abandonado: no momento en que o que poderiamos denominar centros de revelación (deliberadamente plurais, sempre incertos) están a piques de aparecer: tócalle ao lector descubrir eses centros, talvez completar a narración.


Xesús González Gómez

Deixa un comentario!