Menu Xerais

Catorce relatos de lectura altamente recomendable: «Un conto siciliano e outras historias», de Estro Montaña. Crítica de Manrique Fernández

O blog O meu andel publicou unha recensión crítica de Manrique Fernández sobre o libro Un conto siciliano e outras historias, de Estro Montaña. O libro está publicado por Xerais na colección Narrativa.

Estro Montaña, «Un conto siciliano e outras historias»

Facía tempo que Estro Montaña se mantiña alonxado da narrativa de ficción, e aínda máis do relato curto. Pero, por fortuna, os amantes deste xénero podemos aledarnos do seu regreso a través dun novo volume, «Un conto siciliano e outras historias», onde recompila un total de catorce textos nos que nos prantexa, entre outras cousas, algunhas das maneiras que ten o poder de amosar a súa peor faciana.

Tal podería ser, nun primeiro vistazo superficial, o elemento unificador dos textos. E digo isto porque hai outras moitas cuestión que, ao abeiro dos abusos exercidos polos que ostentan o poder, agroman entre as súas páxinas; cuestións máis ou menos vinculadas ao tema, como o enfrontamento a ese poder nocivo, a manipulación, a estabilidade emocional dos protagonistas, o dominio (tamén emocional) dos subordinados, os caprichosos comportamentos dos que mandan, o seu aillamento, o cinismo, a falla de ética… Por resumilo dunha maneira máis clara, ao que nos enfronta Estro Montaña é a conductas inmorais ou nocivas para a sociedade e como iso afecta á xente do común, a que nin comunga co poder nin se percibe ansiosa por chegar a el.

Os escenarios nos que se presentan estes temas son moi variados, dende a Sicilia dominada pola mafia que anuncia o relato que lle dá título ao volume, ata outros moito máis achegados que teñen que ver co estraperlo ou o narcotráfico. Pero non todas as historias exhiben como pano de fondo asuntos que escapan ás leis; moitos dos contos resultan aínda máis inquietantes por ambientárense en escenarios próximos e nos que non sempre chegamos a sospeitar comportamentos deste tipo, como pode ser un centro escolar, un partido de fútbol ou a tranquilidade dun barrio do extrarradio. Porque o poder ten os brazos moi longos e chega a todas partes, e exercelo e facer ostentación del é a cobiza dunha lexión de psicópatas sen empatía ningunha. Nesta variedade de personaxes e situacións das que fai gala o libro, tamén atopamos a outra cara da moeda, os que se ven asoballados polo exercicio do dominio, como aquel garda fronteirizo que fica aillado ata se converter nun auténtico paria cando o perde.

Tamén cómpre destacar outros elementos característicos desta colección de relatos e que aboian ao longo das súas páxinas. O máis sorprendente son os finais abertos, en ocasións interpretables de distintas maneiras, coma se o autor quixese que nós mesmos o escribísemos ao noso antollo. O máis retranqueiro o uso que fai do humor, en ocasións raiando a mordacidade, que se pode albiscar en moitos deses finais e máis en pasaxes intermedias. É un humor sempre agudo e enxeñoso, de calibre fino, pero moi achegado a iso que acostumamos a cualificar como “humor negro”. Se a isto lle engadimos unha linguaxe coidada e ben dosificada, a lectura desta presa de relatos semella altamente recomendable.

Manrique Fernández

Deixa un comentario!