Menu Xerais

Deixarse ir na narrativa de María Reimóndez é unha auténtica ledicia: «As estacións do lobo», de María Reimóndez. Crítica de Xosé Manuel Eyré

O crítico Xosé Manuel Eyré publicou no seu blog Ferradura en tránsito unha recensión sobre o libro: As estacións do lobo, de María Reimóndez, publicado por Xerais na colección Narrativa.

 

Crítica de «As estacións do lobo» (María Reimóndez)

 

Partamos da evidencia de que as relacións interpersoais NUNCA son doadas. Nunca.

Tanto ten que esas relacións sexan heterosexuais como homosexuais.

E comecemos por indicar que a última novela de María Reimóndez é unha novela intimista. En realidade, resulta unha obviedade, porque todas as novelas desta autora presenta esta característica. Todas, inclusive aquel primeiro Caderno de bitácora publicado en Positivas, aló polo 2004. E iso é unha alegría para aqueles ou aquelas que estamos fartos de tanta morte como inicio de textos narrativos, tan frecuente e tan cansino. Pola contra, aquelas novelas que exploran o universo interior das personaxes e as súas relacións entre si, son moito menos frecuentes, e como pingas de auga no deserto deben ser saudadas.

Por iso, atopar unha novela como esta, onde os sentimentos son os protagonistas, é unha gozada.

Concretamente, As estacións do  lobo prséntanos a historia dunha muller, en principio unha moza, Clara, en principio de orientación bisexual mais que vive atrapada nunha relación de parella que a fai fondamente infeliz. Clara, a ovella negra da familia, rebelde, bisexual e promiscua, é o retrato máis cruel da soidade, ignorada e tratada despectivamente por Franz, con quen marchara para Múnic crendo vivir unha historia de amor. Mais aquel Franz que lle resultara en principio tan atraente resulta ser un completo imbécil, e Clara, nunha cidade estraña, da que descoñece o idioma, debe partir desa nada para recuperarse, para crer en si, nas súas posibilidades como persoa e mesmo nas súas posibilidades laborais, onde co tempo demostrará ser unha excelente coñecedora do mundo canino. Para que Clara por fin se empodere de si mesma recibirá a xuda de Philip, un homosexual detrás do cal hai unha relación de parella frustrada. Xa o dixemos no inicio, as relacións interpersoais sempre son complicadas. Ben, a xuda de Philip e doutras personaxes que xa coñecemos de novelas anteriores, tales son os casos de MK, de Gaia, de Aurora e mesmo de Saínza.

Mais fagamos un inciso. A novela preséntase  estruturada en tres partes. “A domesticación do lobo”, “O espertar do lobo” e “Ceibar o lobo”. Cada unha delas composta por catro partes: inverno, primavera, verán e outono; agás a derradeira, que comeza e remata en inverno. Mais todo  o discurso, sexa cal sexa a parte, aparece trufado por reflexións a cerca do mundo canino, da autoría de C. Ferreira Souto: Manual de desadestramento canino: aprender a desaprender. Estas reflexións, nunca extensas e sempre moi claras, representan un punto de inflexión narrativo que nos fai repensar a nosa propia condición de seres “domesticados” para perpetuar determinadas estruturas sociais, sexuais e de poder. Tanto sexa dito para homes ou para mulleres, mais especialmente mulleres, porque o discurso é unha novela de protagonismo feminino e a muller é precisamente quen máis sofre esa domesticación social a fin de impedir o seu desenvovemento, controlala e poder exercer sobre ela todo tipo de poder, de dominación.

Porque, si, é unha novela feminista. E alegrámonos, porque o feminismo, o desenvolvemento do feminismo é quizá o único positivo que herdamos do século pasado. O histórico control, a histórica dominción da muller, o seu control e afogamento é un crime que, favorecido pola relixión (católica, mais non só), se veu perpetrando ao longo dos séculos e polo cal non debemos deixar de sentir vergoña e total desprezo. Total desprezo, porque tamén os homes somos afectados ao negársenos a voz das mulleres tanto tempo. Tanto tempo. Mesmo hoxe dá noxo ver como mulleres son quen de negar e opoñoerse sen ningún rubor a falar da “violencia de xénero”, violencia que non é máis que puro machismo, un machismo que é urxente erradicar da sociedade se queremos que esta avance, e o avance sexa libre e en pé de igualdade entre os dous sexos.

Mais é unha novela feminista e tamén lésbica. Nada novo, non pode sorprendernos. Polo tanto, homosexual. Comprensíbel, nada que obxectar. O mundo que axuda a Clara, o mundo que procura primeiro axudala a recuperarse interiormente e despois a realizarse profesionalmente, o mundo ao que acode Clara cando sofre algún tipo de dúbida interior, e quede ben claro que ese tipo de dúbidas ou problemas os sufrimos TOD@S, é sempre un mundo homosexual, e fundamentalmente lésbico. As relacións lésbicas e homosexuais aparecen na novela non exentas de problemas mais si como as ideais, aínda que, non debemos esquecelo, a liberdade á hora da escolla sexual é o primeiro.

Porén hai unha cousa que non entendemos ou, polo menos, non compartimos e cremos que resulta tremendamente inxusta. É que non hai nigún home heterosexual boa persoa? Segundo a novela, non. Ou son imbéciles como Franz, ou mesmo son pais que chegan a abusar sexualmente das fillas como o caso da irmá de Clara. E, se chega a haber un, ese é Harper, mais un Harper que ten o pene como adorno e mesmo estima “sexy” que as mulleres non se depilen. Vamos, Harper é un home mutilado, creado para satisfacción dun determinado tipo de muller. Esta postura resúltanos difícil de crer. Porque a maldade non é privativa de ningún xénero, de ningún. Nin tampouco a homosexualidade é ningún paraíso, nin sequera a homosexualidade lésbica. E, desde logo, a heterosexualidade nin é ningún crime nin  ningún defecto nin de homes nin de mulleres. Outra cousa é como se establezan os roles dentro da parella.

Deste xeito, a vesosimilitude sofre.

E esta tendenciosidade non lle acae nada ben á mensaxe feminista, sempre necesaria, porque é darlle balas ao inimigo, a todas esas mulleres e homes do PP, de Ciudadanos, de Vox, que desprezan publicamente a mensaxe feminista, ás veces soa a chiste malo o seu argumentario pero o certo é que están aí e son un claro perigo involucionista.

Iso si. Non podemos esquecelo. A novela está moi ben escrita. Deixarse ir na narrativa de María Reimóndez é unha auténtica delicia, unha auténtica sorte contar con narradoras desta altura.

Xosé Manuel Eyré

Deixa un comentario!