Menu Xerais

Diana Fernández e David Díaz: «Somos inmensamente felices cociñando mais tamén degustando todo aquelo que preparamos». Entrevista no blog «Palabra de Gatsby»

O blog Palabra de Gatsby publicou unha entrevista de David González Domínguez a Diana Fernández e David Díaz, autores do libro Cociñando con bolboretas no bandullo. O libro está publicado por Xerais na colección Pequeno Merlín.

Diana Fernández e David Díaz: “Para nós sempre foi un soño poder reproducir en papel as nosas receitas”

Diana Fernández Gómez (Covas-Viveiro, 1989) e David Díaz Díaz (Xerdiz-Ourol, 1988). Unha parella de namorados desde 2005, profesores de Lingua Galega e Literatura, que reflectimos en Bolboretas no bandullo esta afección común coa que aprendemos e gozamos xuntos día a día. Aínda que Diana sustenta a parte máis creativa e gastronómica e David a literaria, o labor é conxunto de principio a fin. Metemos as mans na masa, divertímonos con cada creación, matinamos receitas para crear e saboreardes, coñecemos gastronomías do máis afastadas, fracasamos tamén nalgún prato e papamos. Si, si, somos inmensamente felices cociñando mais tamén degustando todo aquilo que preparamos. Por iso é importante que as receitas sexan diversas, botando man de moi distintos tipos de produtos alimenticios. Hai unha chea por descubrir e moitos están ocultos nas páxinas deste libro.

- Como xorde Bolboretas no bandullo? Cal é o xerme do proxecto?

Ben, pois no 2013 estabamos a facer o Mestrado de Profesorado na UDC e para proxectar as nosas inquietudes culinarias matinamos na posibilidade de crear dalgunha forma. Investigamos na rede e notamos que había unha carencia tremenda de blogues na nosa lingua polo que sería unha achega importante desde unha perspectiva normalizadora. Ademais, percibimos que os blogues de cociña albergaban, na súa maioría, receitas e nada máis e pensamos e darlle unha intergración cultural, como unha disciplina identitaria.

- Sendo Galicia un territorio no que a gastronomía é tan importante, considerades que esa importancia reflíctese o suficiente na difusión da mesma coa lingua galega como vehículo?

Non, a verdade é que non. Na nosa terra, as nosas receitas non adoitan acompañarse da lingua, algo que para nós é fundamental. Non podemos concibir transmitir ou vender as nosas receitas se non están en galego, que é o noso símbolo máis identitario. Lingua e cociña deben ir da man.

- Recentemente publicáchedes en Xerais un álbum de receitas “Cociñando con Bolboretas no bandullo” cunha coidadísima edición, con moreas de imaxes, ilustracións e códigos QR. Como xurdiu a oportunidade? Tiñades interese en levar o proxecto tamén o mundo editorial?

Para nós sempre foi un soño poder reproducir en papel as nosas receitas e cando Xerais nos propuxo a oportunidade, nin o pensamos, sabiamos que era unha ocasión única e que a tiñamos que aproveitar.

- Cal é o criterio que utilizades para integrar as receitas no voso blogue?

Para que as receitas se publiquen en Bolboretas no bandullo teñen que ter varias características: ser fáciles de elaborar (aínda que algunha nos leve máis tempo), levar ingredientes que sexan sinxelos de encontrar cerca da casa (mercado) e o resultado debe ser delicioso ☺.

-  Considerades que os blogues hoxe en día son un formato caduco?

En realidade, hoxe todo parece efémero. Porén, as RRSS son un bo atractivo para mostrar unha parte das nosas receitas e conducir aos nosos lectores e lectoras ao caderno dixital, que é onde podemos compartir as receitas completas xunto coas fotos.

- Para rematar. Tedes algún proxecto novo en marcha ou en mente do que queirades adiantar algún aspecto?

Si, á hora de xestionar un blogue é importante matinar e argallar para crear de forma innovadora. Agardamos que vaia ben este “Cociñando con Bolboretas no bandullo” para probar novas experiencias editoriais. Ademais, temos pendente de traballar unha sección do blogue (“Bitácoras de aquí e acolá”) na que interactuamos con cadernos doutras culturas para compartirmos receitas significativas de cada gastronomía. E está aí Youtube, que sempre temos nun segundo plano por falta de tempo mais que nos resulta moi apetecíbel para proxectar as creacións.

Deixa un comentario!