Menu Xerais

Eduard Velasco: «A miña intención con esta novela é que quen a lea pase un bo anaco, que a poida gozar» Entrevista en «Praza Pública» sobre «Os días felices de Benvido Seixas»

O xornal Praza Pública publicou unha entrevista de Montse Dopico a Eduard Velasco sobre o libro: Os días felices de Benvido Seixas. O libro está publicado por Xerais na colección: Narrativa. (Imaxe: Alicia Fernández – Praza Pública).

 

EDUARD VELASCO:

“Quero agradecerlle a Xerais que apostara por este texto”

Mariña e Benvido coñécense por casualidade. E o que comeza sendo atracción sexual acaba converténdose, para os dous, nunha ocasión para reformularse a súa identidade a partir das contradicións que descobren en si mesmos. Só que unha das partes non xoga nada limpo. O cal acaba tendo consecuencias destrutivas para a outra. Isto é, en esencia, o que conta ‘Os días felices de Benvido Seixas’, a primeira novela de Eduard Velasco -autor dos poemarios ‘O filósofo coxo’ e ‘Ruído de trens’-.

A partir de aí, a novela pódese interpretar de distintas maneiras. Unha lectura en clave de clases sociais, relacións de xénero e poder é doada de extraer. Haberá quen vexa ironía, ou polo menos unha visión hiperbólica -e humorística- de certos tipos sociais. Haberá quen quede coa vontade de estilo dun narrador que comeza, cos seus acertos e os seus erros en canto a construción da historia e dos personaxes. Mais xa di el mesmo que a súa pretensión era pasalo ben e facer que quen lea a novela tamén o pase ben. Sen máis. Falamos con el por teléfono.

Comentabas noutra entrevista que a orixe da novela puidera estar nunha conversa con Gonzalo Hermo e Alicia Fernández. Unha conversa na que falarades do ton que podería ter a novela -que non sei se é humorístico, pero si é quizais irónico…-. 

En realidade é un ton que a min me sae de maneira natural. É a miña maneira de concibir a vida e mesmo tamén de falar. Pero si, lembro vagamente esa conversa que mencionas. Eu contáballes a Gonzalo e a Alicia que tiña unha idea para facer unha novela, que era un tema bastante “serio”. Mais nese momento nin podía escribir en catalán -levaba xa bastantes anos fóra- nin desde esa gravidade. Fora Gonzalo quen me suxerira, entón, que escribise unha novela en galego e cun ton menos serio. Empecei a escribila en Lisboa e despois seguín en Santiago, tras unha parada duns meses.

Os dous protagonistas, Mariña e Bienvenido, representan clases sociais diferentes. Mariña -que traballa de empregada nunha tenda- podería ser unha obreira de dereitas e Bienvenido -avogado con moito diñeiro- podería ser “progresista”, pero escolleches que cada un represente os seus “intereses de clase”. Nun momento no que case todo o mundo pensa que é de “clase media”…

Pois o que pasa é que esa interpretación en clave de clases sociais que a crítica está a darlle á novela para min é unha sorpresa. E está ben: interpretar a novela é o traballo da crítica, e non o meu. Mais tomo esas interpretacións co mesmo humor co que escribín a novela.

Boto de menos, iso si, unha crítica que detecte fallos de construción, de concepción… e que diga o papel que pode xogar a miña novela nun campo literario coma o galego, porque é algo que eu descoñezo e porque, como dicía, iso non é o meu traballo. E é importante que haxa unha crítica que non estea só para subirche a autoestima, senón que che sinale os teus erros.

Pero, volvendo ao que dicía: que se interprete a novela en termos de clases sociais, que se diga que ela é de esquerdas e el de dereitas … é unha sorpresa porque para min non ten que ser así. Da familia dela, de feito, a novela case non di nada. Se cadra ela procede dunha familia con diñeiro: non o sabemos.

En relación con iso, os dous personaxes responden bastante a estereotipos. Sobre todo o dela, no que é se cadra máis esaxerado, mesmo ata non resultarás veces crible. Nese sentido, parecen caricaturas feitas adrede. Era a túa intención?

Os personaxes poden ser caricaturas pero, que non resultan cribles? E por que teñen que selo? A literatura ten que ser literatura. Ademais, se ollamos a realidade, que é o crible? Por exemplo, un empresario galego que funda un medio de comunicación en galego e que desaparece do mapa deixando débedas e salarios sen pagar, que marcha para Formentera, que ten unha empresa á que lle pon o nome en castelán -podía poñerllo en catalán, xa que era independentista-… Pois iso é realidade. E a literatura, como dicía, é literatura: non é escribir un informe ou facer de notario.

Nos dous personaxes hai un certo ocultamento inicial -e un cuestionamento posterior- pero el mantena a ela enganada. No xogo del -aínda que ela lle gusta de verdade- hai unha actitude que, se estivese a novela situada noutro tempo, podería ser por exemplo o clásico engano do señor á criada -gústalle, pero tampouco “tanto”-. Desde esta perspectiva, pódese ver maltrato, relación de poder… Mais se cadra non era tampouco a túa intención. 

Pois, como diciamos antes, non me corresponde a min interpretar a novela. E claro que unha rapaza coma Mariña pode meterse nunha relación desigual que acabe levando a unha situación de maltrato -que neste caso non é físico-, pode meterse nunha relación que acaba sendo destrutiva para ela.

E un rapaz novo e posicionado co feminismo na loita contra o patriarcado pode acabar maltratando unha rapaza, ou sendo maltratado el mesmo. Todas as persoas podemos acabar nunha situación de maltrato ou de desigualdade nas relacións. E si é algo sobre o que debemos reflexionar, e sobre o que hai que falar aos adolescentes… Mais non era o meu obxectivo falar diso, non.

Ademais -e sen espoilear- o que a ela lle pasa cando el non está é unha contradición con como é ela… 

É unha contradición, claro, pero é que todas as persoas somos contraditorias. E pasar de comer o mundo a pasalo mal, como lle pasa a Mariña, é algo que pode pasarlle a calquera. E tamén temos dereito a pasalo mal, que do fondo da lama é tamén de onde saen as aprendizaxes. Mais se destripamos demais a novela, se a interpretamos e a analizamos demais, igual quedamos sen novela. Porque non é un tratado: é unha novela.

En canto a como está escrita, a estrutura é bastante lineal, aínda que a voz narradora vai alternando, sen transicións, o relato do que lles pasa aos dous personaxes. Despois hai moito diálogo… Supoño que o que buscaches é que fose unha novela áxil.

Si, a voz narradora vai falando primeiro dun personaxe e despois do outro, pero iso non é máis que unha técnica moi básica, dun autor principiante, que é o que son. Si que quixen que quen lea a novela se sinta cómodo, que resulte áxil, que poida lerse ben, que flúa, que soe ben: que estea ben escrita en canto a riqueza, vocabulario… Si que quixen que houbese axilidade, pero iso non significa que teña que haber pobreza. Ademais, a literatura faise con palabras, non con historias ou con ideas.

Hai algún “cameo”, coma o de Xesús Alonso Montero -que sae de xeito anecdótico- ou un xornalista reconvertido en arqueólogo. Mais si parece que os personaxes foron construídos, en parte, con anaquiños de persoas reais, probablemente de Santiago…

Non hai ningún personaxe principal que se poida relacionar cunha persoa concreta. Si hai, como dis, referencias a persoas coñecidas, pero esas están claras. Non podo identificar as personaxes principais con ningunha persoa que coñezo, pero tampouco podo deixar de escribir a partir do material que coñezo, a partir do que teño na cabeza.

Benvido ten un amigo, Mariano, co que ten unhas conversas machistas e clasistas… Mais o personaxe de Mariano acaba, dalgunha maneira, dando a volta. Que representa ese personaxe?

Pois, se che digo a verdade, a min Mariano é o personaxe da novela que mellor me cae. O único co que iría por aí tomar algo. Mais si: un home pode ser feminista e de extrema esquerda e ter actitudes machistas e patriarcais, e un home que mostraba actitudes machistas e patriarcais pode acabar sendo o que convide aos demais a tratar as mulleres doutra maneira. É o que diciamos antes: todas as persoas deberiamos reflexionar sobre isto e pensar sobre as actitudes que temos coa xente coa que convivimos.

E Pepa? Unha amiga de Mariña que nalgún momento ve a realidade mellor ca ela…

Pois con Pepa si que non iría de cañas!. En primeiro lugar, porque é unha pesada. Do tipo de xente pesada que debemos evitar…

En distintas entrevistas salientouse algo que figura no texto da contracapa: a importancia, no libro, dos tópicos sobre a cultura galega. Eu iso non o vexo…

Eu tampouco, mais insisto en que interpretar a novela non é o meu papel. Eu síntome agradecido polas lecturas que se fagan da novela, que como dicía acollo con curiosidade e con sorpresa, tomándoas con humor.

Algo diso comentaches tamén noutras entrevistas. Que fuches escribindo o que foi saíndo. Cal era a túa intención?

Pois iso: pasalo ben escribindo, que quen lea a novela pase un bo anaco, que a poida gozar… Non hai outra cousa. Dicir outra cousa sería mentir ou disimular.

Pois xa que dis iso, e antes preguntabas que lugar podía ter a túa novela no campo literario galego… Se cadra segue pesando na literatura galega -e é comprensible pola situación de minorización da lingua e da cultura- unha necesidade como de estar demostrando sempre que se fai unha literatura seria. Nese contexto, a túa proposta -e non es o único tampouco- vai por outro lado: o desenfadado…

Entendo o que dis, pero eu non teño que demostrar nada: nin a min mesmo. Que eu escriba novelas mellores ou peores non di nada mellor ou peor de min como persoa. Mais si pode ser comprensible que, pola situación da lingua, exista esa necesidade que dis. Escribir en galego é, ademais, pouco agradecido en canto a recepción. É un campo literario bastante cainita no que bastantes veces se acaba maltratando os compañeiros. E despois tamén hai quen confunde ser escritor con que te saúden tres veces cada vez que baixas a rúa de San Pedro.

Eu referíame máis ben ao discurso sobre a literatura. Tanto dicir que é boísima, tanto compararse con outras, parece ás veces síntoma dun complexo. Ademais de xerar expectativas falsas aos escritores. 

Xa, pero tamén é normal que haxa esa necesidade de reforzar a autoestima polo que supón traballar en galego. Eu escribo en galego porque quero e porque me sae, pero nin pretendo demostrar nada nin me considero, sequera, escritor.

Algo máis que queiras dicir?

Pois quero agradecerlle a Xerais que apostara por este texto, que ademais inaugura, xunto con ‘Infamia’ de Ledicia Costas, o novo deseño da colección de narrativa. Penso que se unha editora decide apoiar un texto noso, a nosa obriga como autores é responder.

E non por darnos publicidade a nós mesmos, senón por corresponder a esa aposta que outros fixeron por nós, poñendo cartos. E o mesmo penso da crítica, das persoas que, moitas veces de xeito altruísta, vos preocupades polo que escribimos. Eu dígoche a verdade: non me atrae nin facer entrevistas nin facer presentacións dos libros, pero penso que é a miña obriga corresponder ao esforzo que fixo Xerais.

E ti segues vinculado agora ao mundo editorial?

Supoño que nunca me vou desvincular de todo do mundo editorial e literario, pero sigo pensando que o máis importante, e máis difícil, é ser lector.

Deixa un comentario!