Menu Xerais

«Esmeraldina, a pequena defunta», de Ledicia Costas, entre os libros recomendados polo xornal «La Opinión» para o Samaín

O xornal La Opinión publicou un artigo asinado por Selina Otero sobre as lecturas máis recomendables para Samaín, entre as que subliña o libro: Esmeraldina, a pequena defunta, de Ledicia Costas, publicado por Xerais na colección Merlín. O libro gañou o Premio Fervenzas 2016 ao Mellor Libro de Literatura Infantil – Recomendado pola “Guía de literatura infantil e xuvenil para a igualdade” da Xunta de Galicia.

 

‘Lecturas para Samaín


Que non tes libro para Samaín? Que que poden ler para perder medos nestes días de mortos andantes, pantasmas e cabazas? Velaquí algunhas propostas

“Nos últimos dez anos, os coles, as casas e as rúas de Galicia foron enchéndose dende mediados do mes de outubro duns curiosos habitantes. Cabazas cheas de caras, teas de araña, zombies, vampir@s, bruxas, bruxos e toda sorte de personaxes máis ou menos terroríficos anuncian a proximidade do Samaín”. Así o explica a xornalista e creadora do portal ‘O Mundo ao Revés’, Sonia Hermida.

E engade: a que no seu día foi unha celebración do mundo celta, chegou a EEUU hai centos de anos e rematou sendo a festa de disfraces por antonomasia en medio mundo. Agora, os nenos e as nenas galegos lembran de algunha maneira as tradicións dos seus tataravós pintando cabazas e preparando actividades que nos lembran que o medo tamén ten a súa faceta máis divertida.

“Por iso, tantos nos colexios como nas casas, chega tamén un momento perfecto para animar á lectura a través de títulos que nos falan de monstros, pantasmas ou esquelete. Imos facer un pequeno repaso por algúns dos máis interesantes. Moitos deles, ademais, están editados en galego e en castelán”, expresa Hermida, que realizou unha compilación de libros interesantes para estas datas para os máis pequenos.

«Esmeraldina, a pequena defunta»

Os libros da autora viguesa Ledicia Costas son ideais para estas datas… (Editorial Xerais). “Esmeraldina, a pequena defunta”, con ilustracións de Víctor Rivas, é un deles

Unha pequena pista… “O Hotel Fantastique está no medio do Salvaxe Oeste. Nas súas cociñas a pequena Esmeraldina é feliz, aprendendo todos os trucos culinarios da man da súa avoa A Tremenda, unha chef de sona mundial. A vida avanza entre pucheiros ata que un andazo de febre escarlatina acaba coa vida da nena.

A noticia da súa morte corre como a pólvora entre os habitantes do alén, e empezan a chegar ao hotel defuntos de todas as procedencias, dispostos a instalarse. Esmeraldina necesita aprender a ser unha pantasma de verdade. Para iso contará coa axuda de Lady Horreur, unha peculiar araña francesa que se converterá na mellor mestra e amiga, e Nicotina, unha vaqueira que teima en levala ao seu novo fogar: o Alén Mundo”.

O Libro de Receitas da Tremenda acompaña esta historia de medo e humor macabro, converténdoa no petisco perfecto para degustar antes ou despois de ler “Escarlatina, a cociñeira defunta”. Tampouco nos podemos esquecer de “Os arquivos secretos de Escarlatina”, da mesma autora.

 

Deixa un comentario!