Menu Xerais

Gracias por volver colocar ao neno arlequinado no máis alto da pirámide: «O trapecista da malla de rombos», de Alberto Canal. Anotación de Xosé Manuel Piñeiro

Os xornais La Región e Atlántico Diario (6-abril-2019) publicaron unha columna de opinión asinada por Xosé Manuel Piñeiro sobre o libro: O trapecista da malla de rombos, de Alberto Canal. O libro está publicado por Xerais na colección Milmanda.

 

«O trapecista da malla de rombos», de Alberto Canal

Foi un deses libros que devorei mentres estiven hospitalizado e ao que  sempre quixen dedicarlle unha liñas de cariño, ben merecidas por facerme revivir aqueles momentos de emoción en torno á “troupe” do Circo de Los Muchachos.

Agradezo a Alberto Canal que a través de “Iupanki” nos leve nunha viaxe fantástica á época na que o mundo enteiro coñecía aquela experiencia revolucionaria que lle daría unha gran oportunidade de vida a moitos rapaces; unha experiencia que tiñamos aquí ao lado e que algúns non quixeron coñecer ou recoñecer; pero esa é outra historia. Eu quedo coa que nos conta Canal no seu libro O Trapecista da Malla de Rombos, publicado hai máis dun ano, e que me leva aos tempos nos que aqueles mozos que militabamos na ilegal “Mocedade Galega Revolucionaria” faciamos a presentación oficial no único sitio que se podía facer, no salón de plenos da cidade libre de Benposta, coa asistencia do seu alcalde e de moitos dos seus moradores, e por suposto coa figura impactante do Padre Silva, que en temas especialmente controvertidos do noso ideario tiña algo que dicir, e vaia se o dixo, alto e clariño, deixándonos cando menos con serias dúbidas sobre aspectos do marxismo-leninismo-maoísmo, do que moitos de nós sabiamos pouco máis que algúns titulares panfletarios.

Non foi a única vez que estiven na Cidade dos Muchachos, xa que como estudantes de Pedagoxía no Colexo Universitario do Posío, tivemos unhas xornadas de convivencia en Benposta para comprobar in situ o seu plan de estudos e a súa maneira de afrontar a realidade cotiá, algo do que xa falaba a prestixiosa revista “Cuadernos de Pedagogía”, feita en Barcelona en tempos nos que estabamos a anos luz de moitas das innovadoras experiencias que practicaban nas aulas dunha Cataluña que nos quedaba moi lonxe e da que sentiamos moita envexa. Despois diso quixen ter un cariño cos benposteños e compuxen a canción “De Celanova a Oceanía unha Carpa de Amor” coa que o grupo folk da Universidade Laboral que eu levaba competiría no Festival da Canción Misioneira de Ourense.
Sentín ben non poder asistir á inauguración do Museo Circo dos Muchachos que a “Asociación Cultural Padre Silva” puxo en marcha para que todos os ourensáns e os que nos visiten lembremos que un día se creou aquí a primeira Escola-Circo de España, desde onde viaxarían ducias de malabaristas, paiasos, trapecistas e demáis elenco, levando o nome de Ourense e a súa mensaxe antibelicista e de xustiza social, ata os lugares máis lonxanos da terra. En canto poida prometo pasar pola rúa Bailén do casco vello ourensán para emocionarme con algunha das pezas que  se expoñen no museo, e seguramente preguntarei a maneira de ter unha copia dun póster que presidíu a miña habitación de estudante en Compostela, e que despois de miles de mudanzas desapareceu como por arte de maxia. Trátase do cartel do cabalo verde sobre fondo azul “Revolution Circus Time”, que prometo volver enmarcar e colocar en lugar preferencial.
Gracias ao presidente Bartolomé Pidal por recordarnos que “Ourense non pode olvidar o seu pasado” e a todos os membros da “Asociación Padre Silva” por “gardar a alma do Circo de Los Muchachos” como titulou La Región o día da inauguración. E gracias ao escritor Alberto Canal por volver colocar ao neno arlequinado no máis alto da pirámide.

Deixa un comentario!