Menu Xerais

Ledicia Costas: «Nos meus libros hai sufrimento, pero sempre deixo un espazo importante para esas luces que escintilan no medio da noite» Entrevista no «Praza Pública» sobre « Infamia»

O xornal Praza Pública publicou unha entrevista de Montse Dopico a Ledicia Costas sobre o libro: Infamia e, en xeral, sobre os últimos libros publicados pola escritora. (Imaxe: Manuel G. Vicente – Praza Pública).

 

LEDICIA COSTAS:

“En `Infamia´hai unha sociedade enferma. Pero non máis que a nosa, que é profundamente violenta”

A violencia soterrada, o silencio, foran devorando pouco a pouco unha pequena comunidade á que por casualidade chega Emma Cruz, unha profesora de Dereito Penal. O seu sentido da xustiza impídelle ollar polo outro lado, polo que irá meténdose en problemas cos representantes do poder local: cos peores dos monstros, que son os que perverten as institucións usándoas para agochar os seus crimes. Emma Cruz é a protagonista de ‘Infamia’ (Xerais), a nova novela de Ledicia Costas. Unha personaxe que ten características en común con outras moitas das mulleres que poboan as obras da autora. Falamos con ela de ‘Infamia’ e, en xeral, dos seus últimos libros publicados. 

 

Emma Cruz, unha avogada, vai vivir a Merlo para traballar como profesora de Dereito Penal na Universidade próxima. Arredor de Emma, e das persoas que coñece en Merlo, xira a novela. Como xorde esta personaxe? (Ten unha paixón pola xustiza, aínda sabendo que o mundo do dereito está corrompido, que podería ser a túa).

Nunca antes escribira unha novela onde o Dereito estivese presente. Agora que pasaron uns anos e que collín distancia coa miña propia formación coma avogada e co que supuxo a experiencia coma xurista nos día a día dos xulgados, pareceume que era o momento para construír o personaxe dunha penalista. O Dereito Penal é unha materia que me resulta especialmente atractiva. Interesábame, sobre todo, incidir na parte humana do Dereito que, por desgraza, na súa aplicación práctica ten moito de inhumano. Afondar no que hai detrás dunha persoa que manexa as leis e se enfronta á realidade máis crúa nos xulgados.

’Infamia’ ten elementos de thriller e de novela negra. Cun ritmo moi áxil e unha intriga ben dosificada, o/a lector/a vai descubrindo o que lles aconteceu ás irmás Giraud -que Emma trata de investigar- unhas nenas desaparecidas 25 anos atrás. Mais parece que a túa intención como autora era apuntar máis ás consecuencias sociais (e psicolóxicas) da violencia..

Quería escribir unha historia sobre a violencia e remarcar as consecuencias que esa violencia provoca nas persoas implicadas. Isto tamén ten que ver cos traumas. En moitas ocasións son os episodios violentos os que provocan un trauma que adoita estar asociado á culpa. Interésame moito a psicoloxía das persoas. Esa foi a raíz da que naceu a posibilidade de escribir un psico-thriller, esmerándome na construción dos personaxes. Interesábame que fosen complexos, cheos de matices, defectos e contradicións, fuxindo de arquetipos.

Merlo é, de feito, un lugar envelenado polo silencio, polo consentimento dos máis terribles abusos de poder. O poder, representado por unha Igrexa corrupta e un Estado cómplice, depreda, devora, persoas. Non é, por suposto, a primeira vez que falas do poder: (o cacique en ‘Escarlatina, a cociñeira defunta, por exemplo), nin da violencia: ‘Recinto gris’, ‘Un animal chamado néboa’… Mais desta volta é a violencia estrutural instalada nunha pequena comunidade, de xeito que mesmo as vítimas acaban sendo verdugos… Por que? En que sentido muda a túa reflexión sobre a violencia neste libro con respecto aos anteriores?

O ciclo da violencia, no sentido de reproducir roles, é unha pauta de comportamento que me interesa. Persoas que sofren algún tipo de abuso, da clase que sexa, e de adultas acaban por imitar esa conduta. Extrapolei isto a toda unha comunidade onde o silencio os vai devorando a todos. Aquilo que non se menciona, non existe. Mais vai comendo por dentro ás persoas afectadas, coma ese verme que devora unha mazá. Aparentemente todo está intacto, pero a infección está estendida e todo cambalea e corre o risco de se derrubar.

Algo que se nota tamén en ‘Infamia’ é a vontade de estilo: por veces roza a prosa poética. Supoño que tamén é un xeito de achegarse a feitos tan espeluznantes como os que conta o libro. Algunha razón especial para que estea escrito así?

A escrita de ‘Infamia’ é moi próxima á dos relatos d’Un animal chamado néboa’. O público non está afeito a lerme neste rexistro, mais é o xeito no que eu me expreso cando escribo unha obra destinada a persoas adultas. Non sabería explicar os motivos. É algo que xorde de xeito natural, un acto absolutamente espontáneo que eu mesma non sei racionalizar.

Outro elemento moi presente é o (des)amor. Parellas rotas pola desgracia (a perda), relacións paralelas en amores adiados, un amor que é ocultado por medo á homofobia… E un grao de soidade, nunha sociedade bastante enferma, moi elevado. Como se a violencia erguese muros entre as persoas. Forma parte da reflexión que querías facer sobre a violencia?

O amor marca en gran medida o ritmo das nosas vidas. É moi tremendo, porque as emocións parecen sempre incontrolables e son elas as que adoitan condicionarnos. Ninguén nos fala da intelixencia emocional e a min paréceme tan sumamente importante aprender a xestionar as emocións para conseguir un equilibrio… Quen nos ensina iso? A vida.

Pero para iso hai que ter unha capacidade profunda, de análise, de reflexión e de autocrítica. E tamén ser psicoloxicamente resistente. A sociedade de ‘Infamia’ é unha sociedade enferma, como ti apuntas. Pero non máis enferma que a sociedade na que nós vivimos, que é profundamente violenta. E, en gran parte, creo que esa violencia ten unha compoñente educacional pero tamén vén derivada das frustracións, dos traumas de cadaquén e dunha incorrecta xestión das emocións.

Na novela hai algúns malos moi malos. E uns malos -machistas, asasinos e/ou cómplices- que foran á súa vez vítimas. Sería moito máis fácil facer que os malos fosen só malos. Mais ti fas que empaticemos coas vítimas que os “malos” foran. É evidente que hoxe case ninguén fai historias de bos e malos, mais esta volta que lle dás á historia ten o seu risco. Un deles, presentar as vítimas como posibles futuras verdugas. Dígoo porque pasa ás veces, pero tampouco é o habitual. E é como cargalas cunha dobre sospeita… Por que decidiches que fose así?

Porque na vida non todo adoita ter unha única lectura. Sempre hai unha dobre volta. Creo que por iso ‘Infamia’ten todos eses matices. Os seus personaxes son tremendamente imperfectos e poden causar desde repulsa ata compaixón. Tamén considerei que era importante apartar o foco das vítimas. Foi un reto estimulante escribir sobre os implicados nun crime.

Emma é unha muller intelixente, con carácter, tenaz e valente. As túas personaxes femininas non son, precisamente, secundarias. ‘A señorida Bubble’ reivindicabas as mulleres inventoras, o papel das mulleres na ciencia -é un personaxe incomprendido socialmente, unha outsider, coma Emma-. Tamén Ágata, de ‘A balada dos unicornios’, é unha inventora. E coma Emma investiga cousas do lugar do que é parte. Supoño que as tres personaxes teñen cousas en común: a curiosidade, a valentía, o amor e o respeto polo coñecemento… Que representa cada unha das tres, nese sentido?

É certo que as tres personaxes teñen moito en común. Son en gran parte incomprendidas, pero teñen unha personalidade engaiolante que as vai conectar con outras personaxes coas que comparten sensibilidades e un xeito moi particular de entender o mundo. Nese sentido, a Señorita Bubble é unha científica rebelde. Unha muller que semella anacrónica, polo seu xeito de vestir, polo requintado dos seus modais, pero a realidade é que é unha auténtica adiantada ao seu tempo. Dálle mil voltas aos habitantes desa vila á que se mudou. E, sen querer, a súa presenza acaba condicionando a toda esa vila, sacando o mellor e o peor dos seus habitantes.

Ágata tamén é unha rebelde e tamén é científica. Mais ten unha serie de conflitos que non ten Bubble. Ágata loita contra os seus sentimentos e, ao mesmo tempo, entrega a súa vida a iso. Está disposta a sacrificarse por salvar a vida daquelas persoas que quere. E durante ese periplo, vai aprender a comprenderse a si mesma. Emma é unha muller contemporánea e alternativa que, igual que Bubble, non acaba de encaixar. Non logra atopar o seu oco. Polo trauma tan tremendo que arrastra, porque é emocionalmente inestable e porque é unha inconformista. Mulleres independentes, dispostas a cuestionar momento social que lles tocou vivir e a desafiar as normas.

A fantasía steampunk, as máquinas, a maxia, o estilo vitoriano… Están en varios libros, de ‘A señorita Bubble’ a ‘A balada dos unicornios’, que se desenvolve en Londres. Por que? Que te atrae do steampunk? En que sentido é ‘A balada dos unicornios’ punto de chegada nun proceso de experimentación con ese “xénero”?

Do steampunk atráeme a estética e a humanización das máquinas, que roza case o romántico. Hai unha paixón pola ciencia, pero o elemento humano é decisivo. E logo está a maxia. Ese punto exacto de fantasía que che permite camiñar entre a realidade e a ficción con deliciosa liberdade. Experimentei co steampunk en varias obras.

Deliberadamente nestas dúas que ti apuntas, e con máis timidez n’As Peripecias de Extravangazza Pérez’, onde a protagonista viaxa a bordo dun globo aerostático gobernado por flamencos, en ‘Jules Verne e a vida secreta das mulleres planta’. Nesta novela gocei moito con esa homenaxe a Jules Verne, un dos grandes precursores do steampunk. Pero non era suficiente para min. Quería escribir unha obra ambientada en Londres e meterme de verdade nesa corrente estética. Esa é a razón de ser d’A balada dos unicornios’, que creo que pecha un ciclo.

O Vigo de finais do XIX é o lugar no que se desenvolve ‘Jules Verne e a vida secreta das mulleres planta’, que foi premio Lazarillo, Fervenzas, incluído na lista de The White Ravens… Nesta novela, imaxinas un motivo distinto ao histórico para a visita de Verne a Vigo: a procura da estirpe das mulleres-planta. E daslle outro sentido tamén a outro feito histórico, a construción dun submarino por Sanjurjo Badía. Como foi cambiando o obxectivo desta novela -homenaxe ás novelas de aventuras- desde que comezas a concibila ata que a rematas?

As miñas novelas escríbense sobre a marcha. Con isto quero dicir que son unha autora que funciona por instinto. Non adoito saber onde me vai levar a historia. Isto é algo que aparece no camiño, a medida que constrúo a trama. Adoro esa sensación de non ter a máis remota idea de onde vai rematar o libro que estou escribindo. O feito de deixar que manden os personaxes, que me arrastren ata lugares e situacións que eu non imaxinara. Escribir ‘Jules Verne e a vida secreta das mulleres planta’ foi moi especial porque sentía que estaba expresando en gran medida o que eu sinto pola miña cidade. E iso agarrándolle a man a Jules Verne, un dos autores da miña infancia.

’Os arquivos secretos de Escarlatina’ afonda na personaxe de ‘Escarlatina, a cociñeira defunta’, novela coa que gañaras o Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil. Tamén ‘Esmeraldina, a pequena defunta’ ten fortes nexos con ‘Escarlatina’. Como foi o reencontro con esta personaxe, Escarlatina, supoño que tan importante para ti? E en xeral, que mudou para ti como escritora despois de recibir o Premio Nacional?

O Premio Nacional supuxo empezar a existir fóra de Galicia. E foi curioso, porque isto sucedeu un ano e medio despois de tomar a decisión de deixar o Dereito. Asumín que quería ser escritora. Non unha avogada que escribe no tempo libre. Escritora de profesión. Alén de todo o que isto supón a nivel burocrático (precisariamos un apartado especial para falar da vida dunha escritora que cotiza como autónoma), empecei a vivir.

Eu consumíame sen horas para escribir. Desde o momento en que me entreguei á literatura, empecei a respirar. A concesión do Premio Nacional axudoume a posicionarme no sistema literario español. E non só: empecei a ser traducida a outras linguas con normalidade, tanto europeas coma de fóra. Recoñezo que isto non sería posible sen a intervención da Axencia Literaria coa que traballo, mais o Nacional ou os Premios Lazarillo funcionan coma unha especie de aval. Tamén as vendas. Ter un público que acompaña cada unha das túas obras é fundamental.

Con respecto ao universo de Escarlatina, axudoume moito traballar con Víctor Rivas. Foi un auténtico luxo telo de compañeiro de viaxe. Estoulle moi agradecida. Creo que por iso me animei a seguir afondando nese mundo. Gústame pensar que ‘Os arquivos secretos de Escarlatina’ foi o penúltimo libro que escribín sobre Escarlatina. Hai unha historia na recámara que creo que non tardarei en abordar.

En ‘Recinto gris’ hai un neno albino, unha nena con síndrome de Asperger e unha muller con síndrome de Dióxenes. Extravaganzza e os seus pais son un pouco os raros do pobo. Non é só a túa tendencia a falar de maxia e de fantasía, que te leva a crear seres extraordinarios. É que parece que tes especial interese nos personaxes que son diferentes, socialmente discriminados ou polo menos ollados con desconfianza. E diso hai algo tamén en ‘Infamia’, a través dos personaxes de Lucas ou de Emma. Por que esa preferencia por este tipo de personaxes?

Porque eu sempre fun considerada unha persoa diferente. Desde nena. Asumín ese rol, coas dificultades que iso implica. Non encaixar no grupo cando es unha nena e unha adolescente provoca grandes conflitos internos que só logras superar cando comprendes que é marabilloso non encaixar nesa especie de patrón absurdo de normalidade. Supoño que por iso, todos e cada un dos meus libros, son unha defensa férrea da diversidade.

’O corazón de Xúpiter’ falaba sobre acoso escolar e cibernético -e machista, en ocasións-. ‘Unha estrela no vento’ tamén fala de violencia entre adolescentes. ‘Recinto gris’ ía máis alá: a violencia dos campos de exterminio nazis. ‘Un animal chamado néboa’ afonda nesta mesma violencia. Ademais de retratar a violencia política, a violencia institucional: a violencia estrutural, en fin, parece que queres apuntar á maldade á que o ser humano pode chegar en situacións límite, que en parte é tamén o que acontece en ‘Infamia’. Mais, como en ‘Infamia’ ou como en ‘Un animal chamado néboa’, tamén falas de resiliencia e dos afectos e a solidariedade como antídoto do mal. É iso co que prefires que quede o lector/a? 

Luces e sombras. Na vida e na literatura. Son consciente de que adoito escribir sobre cuestións incómodas. Nos meus libros hai sufrimento, pero sempre deixo un espazo importante para esas luces que escintilan no medio da noite. Velaí a maxia: atopar unha man á que se aferrar cando todo está a piques de caer. Síntome cómoda explorando os límites da condición humana. Mais nunca, xamais, renuncio á capacidade para atopar un lugar, unha persoa, na que acubillarse e coa que poder compartir momentos de verdadeira felicidade. Aínda que aí fóra o mundo semelle unha tolemia incomprensible.

E xa por último, no retrato da violencia non furtas a crueza da realidade, tampouco cando o público ao que se dirixe o libro é infantil e xuvenil. Así acontece en ‘O corazón de Xúpiter’, en ‘A balada dos unicornios’, en ‘Recinto gris’, en ‘Un animal chamado néboa’ ou en ‘Infamia’… Digo porque ás veces se acusa a LIX de sobreprotexer a rapazada, de ser demasiado “didáctica” (que non sei por que iso ten que ser malo) ou demasiado light… Que pensas ti disto?

Acúsase á LIX de moitas cousas, case sempre desde a ignorancia e desde unha visión absolutamente prexuizada. Desde autores que disparan contra ela porque entra no circuíto da prescrición escolar, pasando polos que a consideran algo menor, que calquera podería facer, ata os que non te consideran como autora de verdade mentres non publicas unha obra considerada para público adulto. Estouno vivindo neste momento. Xa non che conto se, a todo iso, sumas o feito de ser muller: “Neniña, ti aínda estás empezando. Canto che queda aínda por facer. Cando das o “salto” e escribes un libro de verdade, para maiores?” Estas frases, e outras similares, escoiteinas con frecuencia nos últimos tempos.

Hai libros de LIX que pecan de didácticos? Pois claro que os hai, igual que hai libros de narrativa para persoas adultas que pecan doutros defectos igual de graves, ou máis aínda. A min iso pouco ou nada me di. No que a min respecta, corro os meus propios riscos, que me levaron en máis dunha ocasión a ser apartada de determinados centros de ensino. Pero tamén é certo que son os menos. Síntome querida e respectada polo lectorado. E tamén polas miñas compañeiras e compañeiros de xeración. E iso é algo que valoro profundamente.

Algo máis que queiras comentar?

Aproveito esta oportunidade para anunciar que o 29 de outubro é o lanzamento de ‘Infamia’ en castelán, baixo o selo de Destino. Estou verdadeiramente ilusionada con este novo camiño que estou a piques de iniciar. E tamén quería mostrar o meu agradecemento tanto aos libreiros coma ao público galego, que acolleron esta novela cos brazos abertos e non deixaron de darme alegrías desde o 13 de maio, data en que Xerais puxo a primeira edición á venda.

Montse Dopico

Deixa un comentario!