Menu Xerais

Ledicia Costas: «Son unha autora implicada na sociedade na que vivo». Entrevista no «Sermos Galiza» sobre « Infamia»

O xornal Sermos Galiza publicou unha entrevista de Daniel Salgado a Ledicia Costas sobre o libro: Infamia. O libro está publicado por Xerais na colección: Narrativa. (Imaxe: Manuel G. Vicente – Sermos Galiza).

 

LEDICIA COSTAS:

“Creo que a literatura ten que axudar a comprender a sociedade na que vivimos”

Merlo é unha pequena vila ao pé dunha cidade marítima. A esa localidade acaba de se mudar Emma Cruz, profesora de Dereito Penal. O que semellaba o lugar ideal para fuxir das pantasmas dunha ruptura amorosa axiña escurece: fanse 25 anos da desaparición de dúas nenas, as irmás Giraud. A partir desta secuencia, Ledicia Costas (Vigo, 1979) desata Infamia (Xerais, 2019), un thriller por intres asfixiante sobre culpa, violencias, opresión estrutural, silencio, amor. Escrita cun estilo cruzado de razadas poéticas, a segunda novela de Costas para o lectorado adulto xa é éxito de vendas: a segunda edición tardou apenas dúas semanas. Eis un extracto da entrevista publicada no número 350 do semanario en papel Sermos Galiza.

Infamia é unha novela onde hai moita violencia, en diversas variantes: contida, estrutural, explícita, soterrada. Que percibe no mundo que lle fai escribir algo así?

Eu quería escribir unha historia humana pero sobre violencia. E era consciente, cando estaba traballando, de que estaba facendo unha historia sobre violencia. Creo que nesta sociedade hai moitísima e quería escribir sobre esa violencia, tanto estrutural como doutro tipo, a violencia física explícita, que nos rodea. Son unha autora implicada na sociedade na que vivo e creo que a literatura tamén ten que ser un relato social, ten que axudar a construír o relato social e a comprender a sociedade na que vivimos.

Na súa recoñecida obra infantil e xuvenil adoita empregar elementos fantásticos. Porén, na publicada en coleccións para adultos o estilo é realista. É premeditada esta distinción?

Creo que é unha coincidencia. Porque ao final as miñas obras en coleccións infantís e xuvenís, aínda que teñan moito de fantasía, tamén falan de conflitos sociais. O que pasa é que tanto en Un animal chamado néboa (Xerais, 2015), en que quería falar explicitamente sobre episodios moi concretos da Segunda Guerra Mundial, como nesta, quería contar historias moi apegadas ao mundo real. Pero é unha coincidencia. Non é que faga unha distinción cando escribo infantil e xuvenil. De feito, teño obras de infantil e xuvenil que son realismo social, como Unha estrela no vento (Xerais, 2000), que escribín cando tiña 16 anos, ou mesmo O corazón de Xúpiter (Xerais, 2012), que fala sobre o ciberacoso e o acoso escolar. En Infamia quería escribir unha obra de corte social, moi apegada á realidade. Non sei se no futuro me atreverei a facer unha obra para adultos onde haxa fantasía.

Di que a literatura debe construír relato social. En Infamia aparecen o machismo, o poder policial, a homofobia, a corrupción na Igrexa. Unha novela pode funcionar como instancia de denuncia?

Ás veces teño a impresión de que a miña visión da literatura é un pouco utópica. Pero creo que si, que a literatura debe servir como instrumento de denuncia. É unha percepción moi persoal. De feito hai cousas que eu trato nesta obra que están saíndo agora, como a pederastia no seo Igrexa católica. A literatura ten o dereito a denunciar, xa non digo a obriga, porque logo cada autora e autor fai o que considera. Mais polo menos eu como autora teño o dereito de falar e de denunciar cousas que suceden a través da literatura.

Non supón iso un exceso de confianza no que pode ou non un libro?

Si, de feito xa empecei dicindo que é unha visión un pouco utópica, son consciente. Pero sendo consciente, creo que esa visión utópica é o que me axuda a continuar escribindo obras deste tipo. Porque se me cuestionase esa formulación até o final é moi probábel que escribise obras doutra clase. Como isto é o que quero facer, aférrome a esa idea e dáme confianza.

A obra abala entre o thriller e a novela negra, aínda que as etiquetas son un asunto borroso…

É difuso, é tan complexa esa necesidade de etiquetalo todo… Xa me preguntaron se cría que fixera unha novela negra, pero eu creo que o máis negro que ten a novela é a cuberta (ri). Mesmo busquei que se consideraba novela negra canónica para ver se eu cumpría os requisitos. Todo o mundo comezaba a dicir que eu escribira unha novela negra e eu non as tiña todas comigo. E unha vez que fixen procuras, pois sigo tendo serias dúbidas. Máis ben creo que non fixen unha novela negra. Creo que fixen un thriller psicolóxico.

[Podes ler a entrevista íntegra no número 350 do semanario en papel Sermos Galizaá venda na loxa e nos quiosques]


Deixa un comentario!