Menu Xerais

Ler este libro é queimar a alma con cada frase: «Se isto é un home», de Primo Levi. Crítica en Trafegando Ronseis

O blog Trafegando Ronseis  publicou unha anotación sobre o libro: Se isto é un home, de Primo Levi, traducido por Xoán Manuel Garrido Vilariño. O libro está publicado por Xerais na colección Narrativa.


Se isto é un home, de Primo Levi


Sempre é unha celebración termos un tradución na nosa lingua, e máis se é un imprescindible coma este; coido que non só é imprescindible, senón que tal como está a actualidade debería ser obrigatorio (aínda odiando esta palabra para a lectura). Falamos do libro de Primo Levi e o seu Se isto é un home publicado por Xerais.

Achegarse ao horror da man de quen o viviu. Vivir no inferno. Ler este libro é queimar a alma con cada frase. Porque cada frase, cada palabra, penetra no corazón. E penetra porque non é ficción. Queima porque sabemos que todo é real, que todo pasou, que o HORROR, así, en maiúsculas, foi a vida desas persoas. E queima máis porque o crime está realizado por outras persoas. Persoas sen escrúpulos, sen humanidade. Pero persoas eran.
E a supervivencia. Esa maldita supervivencia. Ese instinto que nos domina. Apertar calquera obxecto, calquera anaco de pan para sobrevivir. Converternos en animais pero sobrevivir. Porque os campos de concentración son máquinas que converten as vítimas en animais.
Seguramente xa coñecedes o libro. Eu agradezo que estea en galego. E agora non me cansarei de recomendalo.
Porque aínda que nos horrorice, gústanos. Aínda que nos provoque arcadas sermos humanos.



Deixa un comentario!