Menu Xerais

Nicanor Alonso e Miguel Mirás: «Non existe outro texto destas características». Entrevista no DUVI sobre: «Mate-glifos. Orixe e evolución dos símbolos en matemáticas»

O DUVI -Diario da Universidade de Vigo- publicou unha entrevista con Nicanor Alonso e Miguel Mirás, autores do libro: Mate-glifos. Orixe e evolución dos símbolos en matemáticas. O libro está publicado por Xerais na colección Básicos Ciencia.

 

Nicanor Alonso e Miguel Mirás: «O galego é a primeira lingua do mundo na que se aborda este tema como divulgación científica»

O primeiro libro en recoller a orixe e a evolución das matemáticas a través dos seus símbolos é galego. Nicanor Alonso e Miguel Mirás, dous docentes do Departamento de Matemáticas da Universidade de Vigo acaban de publicar o volume Mate-glifos. Orixe e evolución dos símbolos en matemáticas, o único texto a nivel mundial que amosa a historia da ciencia numérica acompañada de anécdotas, problemas clásicos e crebacabezas. “Ata onde nós sabemos, non existe outro texto destas características en ningunha outra lingua. Por unha vez chegamos os primeiros, e o galego é a primeira lingua do mundo na que se aborda este tema como divulgación científica”, explica o coautor e docente, Nicanor Alonso.

 

O volume pode converterse nun referente para a bibliografía de calquera texto posterior, “o que prestixiará a nosa lingua no eido da divulgación científica”, sinala o docente. Neste senso, as 144 páxinas escritas nunha linguaxe comprensible para todos os públicos conteñen a historia que está detrás da invención dos símbolos matemáticos, moitos deles imprescindibles e que “constitúen unha verdadeira lingua”, explica o docente, quen prosegue, “pero isto non foi sempre así, pois nos seus inicios a matemática explicábase unicamente con palabras”.

Un libro único

A través de historias e anécdotas das matemáticas, que abarcan dende a orixe da humanidade ata o século pasado, os autores buscan enriquecer o coñecemento xeral da poboación sobre esta ciencia.  O libro, que en cada capítulo recolle un campo das matemáticas, comeza coa aparición dos números e remata coa historia das representacións asociadas a certos números especiais. Ademais, contén un dicionario etimolóxico no seu interior que explica a orixe dos termos matemáticos para que dende a adolescencia se poida entender o significado das matemáticas. Por outra banda, as e os lectores poden resolver crebacabezas, enigmas e pasatempos que aparecen en forma de pequenos apartados ou recesos do texto principal e aos que Alonso define como “non complicados, senón máis ben curiosos ou sorprendentes”.

Contribución á paixón pola ciencia

A divulgación científica é un dos elementos importantes en calquera campo, pero o estudantado ten a visión da ciencia numérica como “un coñecemento inaccesible, case esotérico, polo que a divulgación contribúe a quitarlle ese veo de ciencia destinada a poucas persoas”, explica Alonso, quen con esta publicación espera amosar ao seu alumnado a paixón e o gusto polas matemáticas. Ao mesmo tempo, o coautor agradece os consellos de Miguel Vázquez, director da colección Básicos Ciencia de Xerais, editorial que “levou adiante unha colección necesaria para a nosa lingua”, engade o experto en matemáticas.

Tanto Mirás como Alonso dedícanse a contribuír ao repertorio científico do galego dende hai tempo, exemplo disto é a tradución do libro Arenarius de Arquímedes, considerado o primeiro texto de divulgación científica da historia. Ademais das obras xa publicadas en lingua galega por ambas persoas, “no berce vai medrando un novo proxecto, do que sería precipitado falarmos agora”, conclúe o Alonso.

Deixa un comentario!