Menu Xerais

Novidade: «En las orillas del Sar», de Rosalía de Castro e Anxo Angueira. O final e cume dunha escritora extraordinaria


En las orillas del Sar,
de Rosalía de Castro e Anxo Angueira, é unha novidade da colección Clásicos de Xerais.

Despois de «Cantares gallegos» (1863) e «Follas novas» (1880), «En las orillas del Sar» (1884) é un salto adiante e definitivo por parte da autora á hora de situarse na literatura moderna europea, na «Weltliteratur». Contrariamente á visión da obra como unha dimisión, demóstrase aquí o seu intenso carácter nacional galego, tanto no histórico-político, como no cultural ou literario. O Sar da Terra de Iria e de Compostela-Conxo é o río da vida da autora e mailo río da súa literatura.

Agora que se apaga e que remata, Rosalía edifica unha extraordinaria arquitectura lírica e formal para o acabamento, para as súas voces e os seus límites, para as súas dúbidas e abismos. «En las orillas del Sar» é final e cume dunha escritora extraordinaria.

Anxo Angueira, profesor da Universidade de Vigo, escritor e ensaísta, ademais dos seus estudos sobre Méndez Ferrín («A espiral no espello. “Bretaña, Esmeraldina” e o sistema literario galego»), vén centrando as súas investigacións no Rexurdimento (Rosalía de Castro, Curros Enríquez e Fernández Morales) e nas súas orixes (o Padre Sarmiento).

Esta edición crítica de «En las orillas del Sar» ofrece, ademais dun longo estudo introdutorio, un detallado repertorio de notas sobre os textos e pormenorizados comentarios de cada un dos poemas.

Deixa un comentario!