Menu Xerais

O Indiana Jones das corredoiras: «Antonio Fraguas. O bo mestre, o mestre bo», de Héctor Cajaraville. Anotación no Sermos Galiza

O xornal Sermos Galiza publicou unha entrevista de Daniel Salgado ao escritor Héctor Cajaraville sobre o libro: Antonio Fraguas. O bo mestre, o mestre bo. O libro está publicado por Xerais na colección infantil e xuvenil Merlín.

 

«Antonio Fraguas. O bo mestre, o mestre bo»

Antonio Fraguas. O bo mestre, o mestre bo é unha das primeiras achegas á figura homenaxeada no Día das Letras Galegas de 2019. Nesta biografía orientada a lectoras novas, Héctor Cajaraville rescata quen, ao seu ver, “foi o personaxe de maior repercusión do mundo da cultura no século XX”.


Cajaraville (Compostela, 1974), novelista e profesor, explícase. “Hai dúas razóns. A primeira, a súa lonxevidade. Fraguas naceu en 1905 e morreu en 1999. Atravesou o século. A segunda, o seu vínculo con todos os movementos importantes de Galiza e o seu carácter de elo entre o moito que había antes de 1936 e o pouco que quedou despois”, afirma. O seu paso polas Irmandades da Fala, a súa proximidade á Xeración Nós, o seu traballo no Seminario de Estudos Galegos ou a súa militancia no Partido Galeguista certifícano.

Represaliado polo fascismo, que ademais de expulsalo da docencia pública obrigouno a borrar pintadas a prol do Estatuto republicano, foi máis tarde parcialmente restituído. “Pero a el non lle gustaba falar do tema, non lle daba importancia. Centrou todos os seus esforzos en construír un legado cultural do que era perfectamente consciente”, sinala Cajaraville. E que consistíu, sobre todo, en observar o próximo, dignificar o popular, rexistrar o que se esvaecía, analizar o desprezado.

Máis de 300 referencias bibliográficas e o que, talvez, foi a grande obra da súa vida iniciada xa na etapa serodia -a fundación do Museo do Pobo Galego- enmarcan a súa produción intelectual tanxíbel. Porque a intanxíbel atópase nos centos de alumnos aos que lles aprendeu o valor do que os rodeaba. “Fraguas era un descubridor. Non foi un erudito de despacho. Botábase a andar e dar con castros, con xacementos megalíticos… Alguén o definiu como un Indiana Jones das corredoiras”, lembra o autor de O bo mestre, o mestre bo (Xerais, 2019).

Esa sabedoría recollida na realidade xeográfica servíalle despois como materia académica. “A súa curiosidade era insaciábel, todo era para el digno de ser estudado, mesmo o máis anecdótico”, indica Cajaraville. Por exemplo, a historia do bambán en Galiza, á que dedicou un ensaio. O seu infatigábel labor contribuíu, ademais, á conservación de tradicións, pezas, costumes, “que, doutro xeito, se perderían para sempre”.

O polígrafo bo

Como relatar esta vida azarosa, desenvolvida nun século convulso, a un público miúdo suscitoulle non poucas dúbidas a Héctor Cajaraville. Mais o carácter nada sedentario do intelectual nado en Cotobade e morto en Compostela axudou. “Eu teño publicada obra infantil e xuvenil. Manéxome neses códigos, nesa linguaxe”, expón, “preocupábame transmitir a imaxe dun Fraguas que non era ese vello con andador que eu vía pasear por Santiago, se non aquel home novo e curioso que os domingos exploraba o país. Iso conecta coa rapazada”.

O bo mestre, o mestre bo alterna capítulos en terceira persoa, narrados con prosa obxectiva, e pezas en primeira persoa dunhas memorias imaxinadas por Cajaraville. Con esta técnica pretendeu dar conta desta “moi boa persoa” -“aprendino falando con alumnos seus”-, un profesor para quen parece que “se inventou o termo polígrafo”, conclúe.


Deixa un comentario!