Menu Xerais

O pracer de ler a un autor brillante falando do oficio de escribir na súa propia lingua: «Dentro da literatura», de Suso de Toro. Crítica no blog Palabra de Gatsby

O blog Palabra de Gatsby publicou unha recensión de David González Domínguez sobre o libro: Dentro da literatura, de Suso de Toro. O libro está publicado por Xerais na colección Ensaio.

 

‘Recensión: Suso de Toro, «Dentro da literatura»


Como filólogo e persoa interesada na literatura sempre tiven entre as miñas lecturas obras de carácter teórico que serven de introdución a moitos conceptos da teoría literaria ou da literatura comparada e mesmo problemas que ningunha das disciplinas resolveu con eficiencia. Por este motivo penso que este libro de Suso de Toro non se integra neste tipo de textos senón nunha categoría especial.

É evidente que neste libro fálase de literatura dende a óptica daquela persoa que lee e que ó mesmo tempo forma parte do sistema literario. Hai unha visión crítica con certas consideracións románticas sobre a literatura e o oficio de escribir mais dende a tenrura daquel que ama tan estraña profesión. Unha visión moi persoal, sen caer no excesivo intimismo, dun dos autores máis prolíficos das nosas letras.

Este título expresa tamén as inquietudes do escritor ou as valoracións mesmas sobre certos temas moi discutidos dentro da crítica literaria tanto académica como a máis amateur. Hai neste libro un profundo interese en expresarse sen equívocos e transmitir unha opinión propia e trazada durante unha longa carreira literaria.

Dentro da literatura é un libro que ben merece unha oportunidade tanto pola serenidade, intelixencia e bo facer do autor e polo interesante das súas opinións. Tedes o pracer de ler a un autor brillante falando do oficio de escribir na súa propia lingua, non o perdades.

David González Domínguez

Deixa un comentario!