Menu Xerais

O significado dun libro corenta anos despois da súa publicación orixinal: «O Fresco. Memorias dun fuxido, 1936», de Víctor F. Freixanes. Crítica de Ramón Nicolás

O escritor e crítico literario Ramón Nicolás publicou no seu blog Caderno da Crítica unha anotación sobre o libro: O Fresco. Memorias dun fuxido, 1936, de Víctor F. Freixanes. O libro está publicado por Xerais na colección Crónica – Memoria.

 

O Fresco. Memorias dun fuxido, 1936, de Víctor F. Freixanes

Lourenzo Fernández Prieto fala, no imprescindible prólogo desta reedición, de que este é un libro seminal. Teño para min que este é un termo acaído para definir as dimensións deste libro. Nesas páxinas limiares Fernández Prieto analiza con precisión o que O Fresco. Memorias dun fuxido (1936) supuxo tanto no momento en que se publicou orixinalmente no ano 1980 como o seu significado case corenta anos despois en que, co bo tino, se reedita.

Mais volvo ao termo seminal porque, ás veces, é preciso falar do que un libro supuxo para un lector. En expresións afortunadas Fernández Prieto sinala que Víctor F. Freixanes “tirou unha pedra nun estanque” e que disparou “un tiro que quebrou o silencio”. É palmario que así foi no ámbito dos estudos historiográficos galegos arredor da memoria e do pasado silenciado, oculto baixo o longo período da ditadura franquista; mais tamén foi un libro que uniu xeracións a través da palabra e das dimensións que atesoura a propia memoria. Poño un exemplo: non sei ben as razóns que me levaron a adquirir este exemplar no ano 1981 -a data lémbroa porque no seu interior apareceu unha folla informativa dun acto cultural celebrado naquela altura- mais con quince anos a descuberta do ignorado ou teimudamente silenciado conduciume a facer preguntas e a que estas, non sen receos, comezasen a ser contestadas establecendo unha ponte xeracional entre avós e neto que posibilitaron, primeiro, o coñecemento dunha resistencia ao estoupido militar na Porta do Sol de Vigo, tamén no Calvario preto do Edificio Bandeira, do que foi a illa de San Simón ou dalgunhas historias familiares que aconteceran dentro do edificio dos xulgados da rúa do Príncipe; segundo, saber tamén dos fuxidos, claro é, do que o documento rescatado de Manuel González “O Fresco”, un señorito por orixe que se comprometeu coa causa republicana e democrática ata o final, e iluminado por Víctor F. Freixanes, foi definitivo e, terceiro, querer saber sempre máis ata hoxe, cando a curiosidade non cesou.

Non é esta, como se ve, unha recensión ao uso; non falo, como se ve, realmente do libro. Falo das consecuencias que a súa lectura, nun tempo xa afastado, proxectaron en min porque isto era o que hoxe me prestaba escribir. Sei que cadaquén terá as súas experiencias da lectura orixinal e que hoxe talvez as cousas se poidan calibrar cunha perspectiva diferente pero en min permanecen os ecos daquela lectura inicial, da importancia que esta tivo e segue a ter, grazas ao testemuño do Fresco, aos documentos que a súa famila conservou tantos anos, e ao traballo pioneiro de Víctor F. Freixanes. Beizón por esta iniciativa.

 

Deixa un comentario!