Menu Xerais

Simplemente xenial: «Ás oito da tarde, cando morren as nais», de AveLina Pérez. Crítica de Xosé Manuel Eyré

O crítico Xosé Manuel Eyré publicou no seu blog Ferradura en tránsito unha recensión sobre o libro: Ás oito da tarde, cando morren as nais, de AveLina Pérez. O libro gañou o XXIV Premio Álvaro Cunqueiro de textos teatrais, 2018, e está publicado por Xerais na colección Biblioteca Dramática Galega.

 

Crítica de «Ás oito da tarde, cando morren as nais» (AveLina Pérez, Xerais)

 

Ao longo de máis de tres décadas como crítico, levo insistindo moito en que o teatro, com xénero para ler, resulta o máis entretido (sen por iso perder profundidade de xuízo) de todos. Moito máis que a novela, que a xente ten como xénero predilecto, moitísimo máis. Direi inclusive que o teatro, xunto coa poesía, é o xénero que menos defrauda. Un non arrisca nada por decidirse a comprar xéneros que non son dos preferidos polo público, abonde saber que estes xéneros marxinais si son predilectos d@s bos e boas lectores/lectoras. Mais fiquemos no teatro, que é o que toca esta semana. O teatro como xénero audiovisual, que dúbida cabe que ten a capacidade de chegar coa súa mensaxe simultanemente a moitas persoas, entretelas, emocionalas, conmovelas. Mais o teatro, como xénero para ler, ten unha avantaxe con respecto ao audiovisual: o lector ou lectora poden deterse onde máis lles interese, volver atrás se lles apetece, mesmo pausar a lectura se lles apetece, cousas imposíbeis no audivisual. Ademais, tendo como temos, varias xeracións (dos máis vellos ao máis novos) de extraordinari@s dramaturg@s, resulta difícil compender como non se edita máis. É así se simple, ou lle dan un premio que conleve publicación ou non se edita, e xa está. Nós, pola nosa banda, seguiremos reivindicando o teatro para ler como o xénero máis completo, máis entretido e máis profundo.

  Como bo exemplo do que acabamos de escribir, ben serve esta Ás oito da tarde, cando morren as nais, de AveLina Pérez. Título enigmático, cunha boa compoñente lírica, que queda perfectamente explicado no transcurso da peza.

Para comezar digamos que @ lector ou lectora ten diante de si unha obra de teatro nada convencional. Nada. Todo o contrario. Aínda a sabendas das múltiples dramaturxias rompedoras que desde o XX se teñen producido, atrevémonos a dicir que esta de AveLina Pérez é unha das máis ousadas e sorprendentes, absolutamente nada convencional. Abonde dicir que os verdeiros protagonistas desta obra son os espectadores. Cinco, tres homes e dúas mulleres. E unha actriz. Entre eles interaccionan, levando a voz cantante case sempre os espectadores e as dúas espectadoras, no que sen dúbida lembra os coros clásicos, mais aquí cunha función ben distinta, porque se ben é certo que entre eles se establece un discurso solidario e os parlamentos tenden a completarse entre si, tamén é certo que a autora soubo moi ben diferenciar as voces das personaxes, dándolles personalidade propia. A actriz está en escena e obedece ao público, un público esixente, mesmo un público preparado ( aínda que despois comprobemos que iso non é todo certo. Igual ca na realidade, a cultura ten un aquel de finximento, a xente di que leu máis do que leu). A finalidade é a conmoción, a acción, a reflexión e, sobre todo, a sorpresa. Tanto do público como do lector. Porque a obra pretende facer pensar na mesma medida que pretende a evasión, sen  nunca deixar de ser estímulo.

Evidentemente hai aquí unha incuestonábel ansia de confrontación co clasicismo, e a obra ten moito de metateatro, de reflexión sobre o propio teatro.e

Mais a obra de AveLina Pérez é moito máis que unha confrontación co teatro clásico, é moito máis ca un desafío á dramaturxia clásica, é moito máis ca unha proposta anovadora. Porque ademais de todo iso, que non é pouco, a obra vai enrodelando temas realmente trascendentes. Estes van aparecendo de maneira totalmente natural, sen que haxa que forzar o discurso. Velaí o amor, a soidade ,o expresionismo, as enfermidades (sobre todo as raras), a xenerosidade, a humildade, o ego, a humanidade, chistes, o pánico escénico, a decadencia, a función do coro, a poesía, a guerra, o simbolismo, a alma e a obra, reflexións sobre as actrices, sobre o benestar persoal, sobre a ética e a culpabilidade, sobre as citas filosóficas, sobre a identidade do espectáculo, sobre a ignorancia e o pedantismo, sobre a liberdade de expresión ou sobre a sede… E, sempre, de maneira práctica ,sobre solidariedade. Eis un amplo espectro temático que vai desde reflexións sobre a propia vida, a outras sobre a literatura ou o propio teatro ou sobre a condicón humana.

En definitiva, unha obra ousada, no formal e xa na propia concepción do espectáculo teatral, que ben reafirmar iso que dixemos arriba. En galego, temos unha dramaturxia realmente espectacular, dunha calidade, formación e atrevemento que son de salientar. Sempre é pouco o teatro que ten a fortuna de ser editado, sempre reivindicaremos máis teatro publicado.

Nesta ocasión, nada máis rematar a súa lectura, comecei a súa relectura, coa ansia de volver saborear esta xenialidade.

Xosé Manuel Eyré

Deixa un comentario!