Menu Xerais

Un fermoso alegato dos beneficios da lectura como detonante antibélico: «Lúa en ningures», de Beatriz Maceda. Crítica de Antonio García Teijeiro en «Versos e aloumiños»

Antonio García Teijeiro publicou no seu blog Versos e Aloumiños unha anotación sobre o libro: Lúa en ningures, de Beatriz Maceda, ilustrado por Laura Veleiro. O libro está publicado por Xerais na colección Merlín.

 

«Lúa en ningures», de Beatriz Maceda

 

A escritora e mestra Beatriz Maceda achégalles aos lectores a partir de nove anos esta historia real, que nos debería facer reflexionar ante a situación vivida pola súa protagonista e familia, ao ter que fuxir da súa terra, o seu fogar, o seu país por mor da guerra. É a historia da incerteza, do horror, da devastación física e moral contada a través da ollada infantil de Lúa.
Lúa non entende que sucede, por que o avó (alguén tan especial e necesario para ela) non quere marchar con eles, por que teñen que deixar o seu mundo coñecido por un Ningures onde as palabras: refuxiados, fuxir, guerra, enfermidade, morte, paz, amizade, miseria, inhumanidade… van enchendo o seu mundo infantil, non coma mostras de riqueza léxica, senón como sinais da barbarie que crea outro mundo cheo de sufrimento.
Será grazas, en boa parte, ás palabras e aos seus debuxos como consiga coa axuda dos seus amigos, darlle certa cor á contorna tan gris na que sobreviven. Palabras procedentes dos seus recordos cando eran felices e tanto o seu pai (profesor) coma a súa nai (ilustradora) tiñan ese brillo nos ollos, que tanto bota en falta, xunto coa complicidade e a tenrura do avó. Deste garda un tesouro, O Principiño,cuxas verbas permitiranlle crear faragullas de luz nesa atmosfera onde a hipocresía se está asentando.
 Trátase pois dun fermoso, aínda que duro, alegato do beneficioso da lectura coma detonante antibélico, en prol da humanidade. Escrito cunha prosa directa e estruturado en oito capítulos curtos polos que transcorre a trama e nos que os lectores sentirán moi próxima a historia. Ademais conta ao final cos dez principios da Declaración dos Dereitos da Infancia, que demasiadas veces se esquecen.
     As ilustracións de Laura Veleiro danlle vida e cor á historia, focalizada sobre todo nos seus personaxes.

Deixa un comentario!