Menu Xerais

Un libro imprescindible: «Rosalía feminista», de Rosalía de Castro e Helena González Fernández. Crítica de Xosé Manuel Eyré

O crítico Xosé Manuel Eyré publicou no seu blog Ferradura en tránsito unha recensión sobre o libro: Rosalía feminista, de Rosalía de Castro e Helena González Fernández. O libro está publicado por Xerais na colección Poesía.

 

Crítica de «Rosalía feminista» (Rosalía de Castro e Helena González Fernández, Xerais)

 

Hai libros bos, que merecen ser ponderdos porque presentan unha factura impecábel. Hai libros moi bos, aqueles que, ademais de contaren cunha factura salientábel, imprimen na nosa mente mensaxes importantes para nós e para o mundo. E hai libros imprescindíbeis, aqueles que che dan as ferramentas para elaborares ti un discurso propio que redundará nunha meirande conciencia de vivir e de como vivir. Esta edición de Helena González é desas. Si, xa sei, virá a dereita e a extrema dereita ladrando que iso é adoutrinar e, polo tanto rexeitábel. Porén, acaso eles non levan séculos adoutrinándonos nunha Historia que a eles lles convén por razóns políticas e non ten nada que ver coa realidade? Pois iso.

De entrada, a edición de Helena González da poesía de Rosalía non agacha o seu carácter transgresor, presentando o libro como un reto. O reto de ler a Rosalía con ollos feministas. E dá conta das inercias que o lector ou lectora terá que vencer. Porque existen moitas Rosalías, desde a Rosalía romántica a esta Rosalía feminista. Lecturas fillas do seu tempo e de determinados intereses sociopolíticos. Esta tamén, tamén é filla do seu tempo, tamén responde a uns criterios sociopolíticos indubidábeis: a loita feminista por liberar a muller do xugo masculino e paternalista. E por iso é importante. Imprescindíbel.

O libro é sinxelo. Costa dunhas palabras intridutorias de Helena González, onde xustifica as partes en que dividiu a escolma poética. E despois vén esa escolma, que o lector ou lectora deb ler en clave feminista. As partes de que consta son: DAQUELAS QUE FALAN; ABDICAR DE MIN; AS LAÑAS DO AMOR ROMÁNTICO; VIDAS PRECARIAS; SOAS, SEN AMOR, SEN AMO; VIÚVAS DE VIVOS: NUNCA MÁIS AGARDAR; SE PODES BAILAR É A TÚA REVOLUCIÓN.

Obviamente non  imos valorar aquí a calidade da poesía rosaliana, sería perder o tempo con iso, obviedades. Abóndenos simplemente dicir que, a noso xuízo, o libro de Helena González é pouco intervencionista. Si, xa sei, desta maneira é o lector ou lectora o/a que se decata en por si do feminismo da obra rosaliana. E iso é impagábel. Mais vivimos un tempo involucionista tal que son moitas (demasiadas a meu ver) as mulleres que non saben saír desde xugo machista e paternalista, mesmo chegando a pretender minimizar e despezar a loita feminista a través do tempo. Mulleres indoctas e alienadas contra mulleres con conciencia e litadoras. E, polo tanto, a quen escribe isto gustaríalle que Helena González fora, poema por poema, indicando: “ves?, por isto é feminista”. Sería un traballo enorme, xa o sei. Porén é que hai moitas mulleres -e homes tamén, mais é moito máis grave o caso das mulleres- que precisan aprender a ser feministas.

Ser feminista é ser progresista, estar ao carón da loita social máis vangardista e imprescindíbel: devolver a voz ás muleres, esa voz por tantos séculos silenciada, e restituírlles os seus dereitos en pé de igualdade. Ser feminista é loitar pola liberación da metade da humanidade. E libros como este de Helena González indícannos o camiño.

Xosé Manuel Eyré

Deixa un comentario!