Menu Xerais

Un libro que consegue que adoremos a esas mulleres que souberon amar a liberdade e defendela: «Memoria do silencio», de Eva Mejuto. Crítica en Trafegando Ronseis

O blog Trafegando Ronseis  publicou unha anotación sobre o libro: Memoria do silencio, de Eva Mejuto. O libro está publicado por Xerais na colección infantil e xuvenil Fóra de Xogo.


Memoria do silencio, de Eva Mejuto

Escribe Eva Mejuto en Memoria do silencio publicado por Xerais unha novela sobre un capítulo esquecido da nosa historia, e da que temos escoitado falar moi pouco: tres mulleres de Ribadavia que salvaron da morte nazista a xudeus e xudías; unha historia oculta porque a heroicidade mídese pola humildade, e Eva Mejuto decide darlles voz para sacalas do seu silencio e concederlles parte do valor que merecen.

Xunto a elas, a novela presenta máis voces, da que nos intereserá sobre todo a voz dunha moza xudía que se salva da morte para amar a música sobre todo. Si, son as voces femininas as que destacan no libro, outorgándolles a autora o dereito a ser elas na ficción mesturada con doses de realidade. Unha ficción que nos lembra o terror da época, en Europa e en España.

Estou segura que o libro vai gustar á nosa razapallada, a pesar de que ás veces cae no didactismo, porque transmite valores mentres nos arrepía, nos intriga, nos conquista, e sobre todo, consegue que adoremos as nosas mulleres, esas que souberon amar a liberdade e defendela, aínda arriscando as súas vidas. Esa liberdade que cada día nos queren roubar. Aínda hoxe.


Deixa un comentario!